Santiago, 11 de novembro de 2008.- A calidade da auga dos ríos galegos é peor que de hai catro e anos e, na práctica, non hai semana na que non se rexistre algún novo vertido de importancia nos diferentes leitos fluviais de Galicia, segundo explicou hoxe no Parlamento o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, ao responder a unha comparecencia do conselleiro do ramo.
O deputado popular responsabilizou á Xunta da crecente degradación ambiental dos cursos fluviais da Comunidade, na medida en que é a propia Administración autonómica a que ampara e protexe eses vertidos ilegais, como ten sucedido coas obras da autovía Ferrol-As Pontes, que teñen afectado ao río Eume, as do AVE que deterioran os ríos e regatos da cunca Ulla-Deza ou a vertedura continuada de lixiviados tóxicos desde o vertedoiro de residuos de Sogama da Areosa ao Lengüelle, un afluente do Tambre, que recentemente rexistrou a morte de milleiros de peixes no coto troiteiro de Biocalvo.
Precisamente en relación con Sogama, Jaime Castiñeira esixiu ao conselleiro de Medio Ambiente que explique a longa serie de irregularidades que está a cometer a empresa pública que preside o seu amigo e protexido, José Álvarez..
ADXUDICACIÓN MODELO CARIDE.- O conselleiro de Medio Ambiente coñece, desde o primeiro momento, a adxudicación irregular dun contrato de 19 millóns de euros, que José Álvarez se empeñou en outorgar a unha empresa concreta en contra do criterio dos propios técnicos de Sogama e de Ecoembés. Para iso, seguiu o exemplo da conselleira Caride na adxudicación tamén irregular da autovía da Barbanza, e encargou un informe a instancia de parte á Universidade de Vigo. Este xeito de proceder, acabou provocando a dimisión do conselleiro delegado, por discrepancia co procedemento elixido.
Ademais, a paixón polo luxo do presidente de Sogama levouno a destinar, en 2 anos, 122.000 euros a arrendar coches oficiais, entre os que figuraba un vehículo de gama alta para o seu uso persoal, así como a tomar a decisión de trasladar as oficinas centrais da empresa a Santiago de Compostela, a máis de 40 quilómetros do complexo ambiental de Cerceda, para escapar do “cheiro” que desprende a planta de tratamento de residuos. Tan só obras de acondicionamento das novas oficinas custarán 531.000 euros. A cadeira de despacho do presidente está valorada en 3.000 euros, mentres este se negou, sistematicamente, durante os tres últimos anos, a efectuar os investimentos necesarios para un correcto mantemento das instalacións do complexo ambiental, o que se traduce nun desgaste prematuro das mesmas.
CONSELLEIRO CÓMPLICE DAS IRREGULARIDADES.- Neste contexto, e tendo en conta que o conselleiro é sabedor e, polo tanto, cómplice, de todas estas irregularidades, que coñece deste fai tempo, o PPdeG considera ineludible unha resposta convincente, pero tamén que se depuren as responsabilidades políticas existentes.
Paralelamente, Castiñeira Broz instou ao conselleiro a que explique quen corre cos gastos de recuperación dos cauces fluviais do Ulla (incendio de Brenntag) e do Eume. Como exemplo, o deputado popular recordou que a empresa que está a verter cal ao encoro do Eume foi contratada “a dedo” por Medio Ambiente, sen mediar concurso público algún, malia que os custe destes traballos rolda os 5 millóns de euros.
VÁZQUEZ, O “GRAN AMAÑADOR”.- Na súa intervención, Castiñeira Broz cualificou ao conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, como o “gran amañador”, que utilizar irregularmente os recursos públicos con todo tipo de intencións. Deste xeito, e sempre servíndose dos recursos públicos, Manuel Vázquez o mesmo encubre irregularidades, que “coloca” persoal a dedo na búsqueda de réditos políticos e persoais ou outorga unha subvención de 600.000 euros para apoiar unha organización ecoloxista afín aos seus intereses.