Partido Popular de Lugo

A FORMACIÓN PROFESIONAL ERÍXESE COMO UN DOS GRANDES FRACASOS DO BIPARTITO, CUN TERZO DE MATRICULADOS MENOS QUE AO INICIO DA LEXISLATURA

Santiago, 11 de novembro de 2008.- Desde a chegada do Goberno bipartito, o número de alumnos matriculados en Formación Profesional en Galicia descendeu en 13.600, o que supón máis da terceira parte dos 40.739 que estaban matriculados no último curso durante o que gobernou o anterior Executivo do PPdeG. O dato foi posto de manifesto pola voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, no transcurso dunha comparecencia parlamentaria da conselleira.

López Besteiro agregou que a Xunta é consciente dese problema e, para enmascaralo, chegou a manipular as estatísticas dos últimos cursos para poder presentar un balance falsamente triunfalista. 

Como mostra da inconsistencia do bipartito nesta materia, López Besteiro recordou que o plan de formación profesional presentado pola conselleira de Educación é un documento de apenas de 17 páxinas que nin sequera dispón de memoria económica, nin foi aprobado polo Consello da Xunta.

RECORTES ORZAMENTARIOS.- A xuízo da voceira de Educación do PPdeG, as razóns da caída no número de alumnos que cursan estudos de Formación Profesional hai que buscala no escaso interese amosado polo Goberno de Touriño por estas ensinanzas, co consecuente recorte orzamentario.

De feito, López Besteiro apuntou que os Orzamentos da Xunta para 2009 non inclúen partida algunha para obras en centros de FP e consolidan recortes xeneralizados. Así, a Xunta prevé reducir en 500.000 euros as achegas para prácticas de alumnos de FP en empresas; 200.000 euros menos para innovación, e así sucesivamente en todos os programas. 

DERRADEIRA COMPARECENCIA.- Tendo en conta que a de hoxe será, con probabilidade, a derradeira comparecencia parlamentaria desta conselleira, que en toda a lexislatura non aceptou unha soa petición do PPdeG, López Besteiro reclamou a Sánchez Piñón que explique á Cámara algunhas das cuestións polas que os populares galegos continúan agardando unha resposta. É o caso da non aprobación do plan de estudos da educación infantil, que non puido superar o visto e prace do Consello da Xunta por diferenzas  insalvables entre PSOE e BNG.

A conselleira solicitou aprazar esta pregunta porque non se atreve a explicar as causas reais da ausencia do decreto, mentres o sindicato CIG fala dunha situación surrealista, e CC.OO. inicia unha campaña dirixida a instar á Xunta a promulgar esa norma.