Partido Popular de Lugo

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS NON OFRECEN SOLUCIÓNS Á PARÁLISE DO MARISQUEO GALEGO NAS AREAS PRODUTIVAS MÁIS CONTAMINADAS

Santiago, 10 de novembro de 2008.-  “Socialistas e nacionalistas non están a ofrecer solución algunha para as miles de traballadoras e traballadores do sector marisqueiro galego que non poden desenvolver a súa actividade nas áreas de produción clasificadas cono zonas C ou B como consecuencia da baixa calidade microbiolóxica das súas augas”. Esa é a conclusión do voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario  Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, despois de que tanto os parlamentarios do PSOE coma os do BNG rexeitasen unha proposición non de lei do PPdeG a través da que se instaba á Xunta a poñer en marcha os mecanismos necesarios para reducir substancialmente estes espazos que, na práctica, están vedados para a actividade do sector marisqueiro galego.

Os populares pretendían poñer fin á falta de iniciativa do Goberno bipartito ao longo desta lexislatura e, cun sentido construtivo, defendían na comisión de Pesca celebrada hoxe, unha iniciativa que incorporaba unha dobre proposta. Por unha banda, pedían incrementar a rede actual de mostraxe nas zonas de produción marisqueira na Comunidade e, tamén, aumentar a periodicidade coa que se realizan estes controis. Deste xeito sería posible unha mellor detención dos efluentes contaminantes nas augas das rías galegas e facilitaríase o traballo da Xunta de Galicia á hora de poñer en marcha a segunda das medidas que o PPdeG reclama: elaborar plans de actuación específicos sobre estes contaminantes “e proceder así á súa eliminación ou redución, na medida do posible, diminuíndo tamén as zonas catalogadas como C ou B que existen en Galicia”.

CONDENADOS Á INACTIVIDADE.- Tras a entrada en vigor da nova regulamentación europea que divide as áreas de produción marisqueira en zonas A, B e C, segundo a calidade microbiolóxica das súas augas, máis de  4.600.000 metros cadrados do litoral galego vense irremediablemente afectados polas restricións na produción e comercialización directa de mariscos e outros invertebrados mariños. Na práctica iso supón que un elevado volume de mariscadoras e mariscadores galegos están condenados á inactividade, situación que provoca grandes prexuízos e innumerables perdas, ademais dunha lesión evidente das economías familiares.

UNHA SOA RECATALOGACIÓN EN CATRO ANOS.- «Se ben é certo que desde a Xunta afirman ter establecido medidas de depuración das augas nas rías galegas, a catalogación destes importantes bancos produtivos de marisco segue a ser negativa e, polo tanto, estes produtos non poden ser comercializados directamente nos distintos mercados”-, xplicou Balseiro. Nos últimos catro anos a Consellería de Pesca procedeu unha soa vez a revisar a catalogación das áreas marisqueiras. “Precisamente por iso, desde o Grupo Popular reclamámoslle solucións, pois non nos podemos conformar con que nas nosas rías continúen sendo indefinidamente zonas C ou B”.

Ningunha destas razóns parece ser suficiente para socialistas e nacionalistas que “xordos ante calquera proposta que naza desde a oposición, manteñen a súa vontade de condenar ás mariscadoras e mariscadores do noso país á inactividade”, subliñou o voceiro de Pesca do PPdeG.

RECUPERAR O PROTAGONISMO.- Segundo socialistas e nacionalistas, a rede de mostraxe actual “é suficiente”, e o traballo da Xunta de Galicia na depuración das rías “é satisfactorio”. Ningunha destas cuestións convencen aos populares, que insisten en promover medidas que devolvan a Galicia o papel protagonista que ten, por dereito propio, na xestión dos produtos marisqueiros. “Moitos coincidimos en que o mellor marisco do mundo é o galego, pero a Xunta de Galicia parece non tomar constancia disto xa que non está a apoiar como o merecen ás traballadores e traballadores deste sector”.