Partido Popular de Lugo

PESCA AÍNDA NON SOLUCIONOU ÁS TRABAS QUE IMPOÑEN OS EXECUTIVOS ASTURIANO E VASCO DIFICULTANDOA ACTIVIDADE DOS CERQUEIROS GALEGOS QUE FAENAN NAS SÚAS AUGAS INTERIORES

Santiago, 10 de novembro de 2008.- O director xeral de Recursos Mariños da Xunta de Galicia, Antonio García Elorriaga confirmou hoxe, en resposta a preguntas do Grupo Parlamentario Popular, que aínda non teñen solucionado o conflito que enfrontou nas pasadas datas á flota do cerco galega co Executivo asturiano, despois de que a estas embarcacións  de lles impedira desenvolver o seu labor nas augas da comunidade veciña.

O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro Orol, demandou un maior esforzo do Goberno de Touriño e de Quintana en defensa da operatividade da flota galega nas comunidades autónomas bañadas polo Cantábrico e subliñou a importancia de manter este tipo de actividade “toda vez que son os propios comerciantes asturianos os que piden á flota galega que continúe abastecendo os mercados”.

Malia que, segundo García Elorriaga, a Xunta de Galicia ten efectuadas xestións para solucionar este conflito, de xeito especial con ocasión dos distintos cumios interatonómicos celebrados co Executivo do Principado, cada vez que as condicións climatolóxicas obrigan ao amarre en porto das embarcacións asturianas, ao mesmo tempo que os cerqueiros galegos continúan a faenar xorde o mesmo problema.

O BIPARTITO, UN GOBERNO DÉBIL.- “A conselleira de Pesca non está a facer os seus deberes. E xa non só é que teñamos problemas con Asturias senón, tamén, con outras comunidades como o País Vasco, onde están a poñer trabas á actividade da nosa flota. Todo iso porque observan a debilidade dun Goberno como é o do bipartito, que non actúa con contundencia en apoio do noso sector pesqueiro”, afirmou Balseiro Orol.

RUPTURA DO PRINCIPIO DE RECIPROCIDADE.- A inmensa maioría das embarcacións galegas que faenan en augas interiores doutras comunidades forman parte do sector cerqueiro con base no porto de Vigo. Os populares subliñan que “pese ás trabas que impoñen ás nosas embarcacións, en Galicia si poden obter as súas licenzas barcos asturianos ou vascos. Non se está a cumprir o principio de reciprocidade e, en todo caso, Galicia non está a facer valer os seus dereitos. ¿De que serven as reunións ao máis alto nivel se Galicia sempre sae perdendo?”, pregunta Balseiro.