Partido Popular de Lugo

OS POPULARES ACHACAN O CAMBIO DE POSTURA DO BNG “A QUE XA CHAMOU QUINTANA, O QUE TIÑA A CHAVE … ”

Lugo, 8 de novembro de 2008.- Tanto o Presidente Provincial do PP, José Manuel Barreiro, como o voceiro do GMPP, Joaquín García Díez, amosaron hoxe a súa sorpresa polo anuncio do BNG de que permitirá, coa súa abstención no pleno do luns, que Orozco aprobe os orzamentos para o 2009 vinculados á moción de confianza: “Chama a atención o cambio de postura do señor Lage que, dende o mércores 5 de novembro, leva repetindo que NON confía en Orozco. Agora ten que ser o coordinador do seu partido o señor Bao o que o contradiga”.  

Para os populares está claro que este cambio de rumbo dos nacionalistas de Lugo vén forzado dende Santiago “xa chamou Quintana, o que tiña a chave …”.

José Manuel Barreiro pregúntase “¿cal é a postura da que nos temos que fiar?: A que defendeu Lage no pleno do luns; as declaracións que fixo Lage dende o mércores ata onte mesmo négandolle a confianza a Orozco; ou a postura que defenderá, por imposición de Santiago, no pleno do luns”.

Coalición de intereses.- O Presidente Provincial, José Manuel Barreiro, desconfía do prezo que lle vai a supoñer aos lucenses esta manobra “a actitude, tanto do BNG como do PSOE, vai ligada a unha defensa da coalición de intereses, sen importarlles as necesidades reais dos veciños de Lugo”. José Manuel Barreiro pregúntase se a contrapartida do “paso comercial” que deu hoxe o BNG irá ligada á entrada, a partir do próximo 14 de novembro, no consorcio de servizos sociais. 

Presos de Santiago.- Os populares insisten en que o BNG está preso de Santiago “subiron ao coche e tocaron moqueta, e agora baixar é complicado”. Para os populares, a absteción dos nacionalistas na cuestión de confianza, ten un único significado “impedir que goberne o PP”, puntualizou Barreiro.

A xuizo do voceiro do Grupo Popular esta manobra dos nacionalistas entra en clara contradicción coa súa traxectoria na oposición “fan moito ruido pero cando hai que tomar decisións importantes se teñen que medir”. Agora o señor Lage “¿con que cara se vai queixar do derroche do goberno de Orozco cando puido impedilo?”, pregúntase Joaquín García Díez.

Queda claro que teñen que evitar que se visualicen friccións a uns meses das eleccións autonómicas sen importarlles, nin o máis mínimo, os intereses dos veciños de Lugo.

O camiño máis cómodo.- Os populares volveron a acusar a Orozco por utilizar o camiño máis cómodo para aprobar os orzamentos de 2009: “saltouse a opción de negociar porque non lle conviña. Co anuncio da cuestión de confianza o alcalde demostra que, non ten cintura para gobernar en minoría, e que utiliza a vía do libro, a vía legal, para evitar a negociación e dar luz verde aos SEUS ORZAMENTOS”.