Lugo, a 6 de novembro de 2008.- Os deputados socialistas no Congreso, coa complicidade do representante do BNG, votaron en contra de todas as enmendas que o Partido Popular presentou para mellorar os PXE 2009 para Lugo e a súa provincia.
Unha actitude que, en opinión do PP, pon de manifesto unha vez máis a hipocresía de socialistas e nacionalistas á hora de defender os intereses de todos os lucenses, xa que o seu discurso cambia radicalmente segundo onde se atopen.
O Partido Popular, pese a todo e segundo indicou o seu Presidente provincial e senador José Manuel Barreiro, non cesará non seu empeño por acadar uns orzamentos xustos para Lugo e anunciou que presentará unha batería de enmendas na Cámara Alta encamiñadas a acadar este obxectivo.
Barreiro recalcou, que en función do seu voto, PSOE e BNG “están de acordo con que Lugo reciba menos cartos do Estado que o ano pasado, e conformes con que a nosa provincia sexa a que menos cartos recibe de toda Galicia”.
Pola súa banda, os deputados populares, Joaquín García Díez e Raquel Arias, lamentaron que un ano máis PSOE e BNG se limiten a apoiar as enmendas que pactaron entre eles e en base a intereses partidistas aínda que eso implique darlle as costas a Lugo e ó conxunto dos seus habitantes.
Neste senso, recalcan que as máis de vinte enmendas presentadas eran propostas moi rigurosas e axustadas á mala situación económica que se está a vivir e mesmo había peticións simbólicas para iniciar xestións ou estudos de obras. De tal maneira que os votos contrarios de socialistas e nacionalistas interprétano como que dan o visto bo “á ralentización de obras importantes para a vertebración da provincia, así como a paralización doutras propostas máis específicas que resolven problemas cotiás de tráfico, seguridade e, en definitiva, da calidade de vida de todos os lucenses”.