Partido Popular de Lugo

O PRESIDENTE DE SOGAMA DESTINA MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS AO ACONDICIONAMENTO DUNHAS NOVAS OFICINAS EN SANTIAGO PARA ESCAPAR DO CHEIRO DE CERCEDA

Santiago, 5 de novembro de 2008.- Os gustos sibaritas do actual presidente de Sogama, José Álvarez, e a súa afección polo luxo, levárono a tomar a determinación de mudar a localización da sede central ca compañía, situada ata o de agora nunhas instalacións espartanas en Morzós (Cerceda) ao carón do Complexo Medioambiental, a unhas oficinas  suntuosas de Santiago de Compostela. Tan só ao seu acondicionamento, Sogama destinou máis de medio millón de euros.

José Álvarez, amigo e protexido do conselleiro de Medio Ambiente, leva meses queixándose do cheiro que desprende a planta de Sogama e, en lugar de adoptar as medidas oportunas para minimizar o impacto desas molestias, que  tamén padecen a cotío os traballadores da empresa e centos de veciños de parroquias limítrofes como Cerceda, As Encrobas, Queixas, Leira ou Ardemil, optou por trasladar o seu despacho a Santiago de Compostela, a máis de 40 quilómetros da principal sede da empresa.

O contrato para a obra de acondicionamento interior do local de 600 metros cadrados no que se van instalar as novas oficinas centrais de Sogama, en Santiago de Compostela, foi adxudicado por un importe de 531.425,39 euros, segundo pode comprobarse na páxina web da empresa (http://www.sogama.es/pliegos.php?lang=GA&sec=1) 

Mentres José Álvarez derrocha máis de medio millón de euros en acondicionar con mobles sofisticados as súas novas oficinas, suficientemente alonxadas do que el define como ambiente fedorento de Cerceda, Sogama racanea os recursos necesarios para efectuar un mantemento adecuado das instalacións do Complexo Medioambiental de Cerceda, o que se traduce nun desgaste prematuro das mesmas.

Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, desvela que os gustos sibaritas do presidente de Sogama inclúen a adquisición dunha cadeira de luxo para o despacho valorada en 3.000 euros. Esta é só unha mostra dos gastos suntuosos nos que está a incorrer día  a día o presidente de Sogama, e súmase ao derroche de 122.000 euros para o aluguer de vehículos oficiais durante dous anos.

A lixeireza coa que o presidente de Sogama xestiona os cartos públicos cando se trata de conseguir contrapartidas para o seu uso e disfrute persoal, contrasta coa precariedade doutros ámbitos. Así, a ausencia dun axeitado sistema de depuración de lixiviados provocou un vertido tóxico continuado desde o depósito de residuos da Areosa a un afluente do río Tambre, augas arriba da captación que abastece de auga potable a Santiago de Compostela e a outras poboacións do seu entorno.

11 VECES MÁIS PRESUPOSTO PARA OFICINAS QUE PARA VESTIARIOS.- Chama tamén a atención que mentres que o orzamento máximo de licitación das obras de acondicionamento  das novas oficinas de Sogama estaba fixado en 668.000 euros máis IVE, o contrato para a obra de deseño, proxecto, construción e posta en edificio dun edificio de vestiarios no Complexo Medioambiental de Cerceda só dispón dun orzamento máximo de 60.000 euros máis ive. 

É dicir, o orzamento para o acondicionamento das novas oficinas nas que pretende traballar en Santiago o presidente de Sogama multiplica por 11 o habilitado para os vestiarios do persoal, malia que na Planta de Sogama prestan servizo decenas de traballadores, boa parte dos cales están sometidos a riscos químicos e biolóxicos.  

NECESIDADE DE EXPLICACIÓNS.- Jaime Castiñeira insiste en que a sucesión de irregularidades denunciadas en Sogama esixen unha explicación inmediata por parte do conselleiro de Medio Ambiente e amigo persoal de José Álvarez..  

O PPdeG estará encantado de escoitar as explicacións do presidente de Sogama no Parlamento –pode comparecer a petición propia, sen necesidade de agardar a que o solicite o Grupo Popular-, pero non por iso deixará de seguir reclamando explicacións ao conselleiro, como responsable máximo das irregularidades, das que é coñecedor desde hai meses e que está a encubrir desde entón.