Partido Popular de Lugo

A XUNTA ADMITE NO PARLAMENTO QUE O CONCELLO DE CHANTADA NON SOLICITOU AXILIZAR A TRAMITACIÓN AMBIENTAL DA AMPLIACIÓN DO POLÍGONO EMPRESARIAL DA LOCALIDADE

Santiago, 5 de novembro de 2008.- O director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, Emilio Manuel Fernández Suárez, admitiu esta tarde no Parlamento, ao responder a unha pregunta asinada polos deputados Susana López Abella e Jaime Castiñeira, que o Concello de Chantada non efectuou trámite algún ante a Administración autonómica para solicitar axilidade na elaboración da memoria ambiental relacionada coa ampliación do polígono empresarial dos Acivros.

Fernández Suárez confirmou que no expediente que obra en poder da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible non existe constancia algunha de que o Concello de Chantada se teña dirixido á Administración autonómica para urxir rapidez na elaboración da memoria ambiental co obxecto de facilitar a instalación no polígono dun proxecto empresarial de Sidrería Gallega, cun  investimento de 15 millóns de euros e a creación de 40 empregos directos.

Ante esta resposta, o PPdeG interpreta que o Goberno bipartito de Chantada actuou de xeito neglixente e nin sequera trasladou á Xunta o acordo plenario que reclamaba celeridade máxima para poder acoller nese municipio o proxecto empresarial de Sidrería Gallega.

O Grupo Popular enmarca a actuación do bipartito chantadino na desidia que caracteriza a xestión de PSOE e BNG, tanto no ámbito autonómico como no local. Á vista da resposta do director xeral, o Grupo Popular concluíu acusando ao concello de Chantada de ter sido cómplice da perda do proxecto de Sidrería Gallega.

Con todo, Medio Ambiente tampouco está libre de responsabilidade, xa que esgotou ata o último día o prazo legal de 3 meses establecido para informar este expediente.