Partido Popular de Lugo

O PRESIDENTE DE SOGAMA SEGUE O EXEMPLO DE CARIDE E ENCARGA UN INFORME AD HOC PARA OUTORGAR UN CONTRATO POR VALOR DE 19 MILLÓNS DE EUROS

Santiago, 31 de octubro de 2008.- O presidente do Sogama, José Álvarez, tomou exemplo da conselleira de Política Territorial (que encargou un informe á medida dos seus interese para adxudicar a autovía da Barbanza a unha oferta cun sobrecuste de 30 millóns de euros) e tamén pediu un informe ad hoc para adxudicar un contrato valorado en 19 millóns de euros.

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, denunciou hoxe en rolda de prensa esta nova irregularidade cometida polo Goberno que dirixe Pérez Touriño e que, neste caso, afecta ao concurso para a automatización, operación, mantemento e limpeza da planta de clasificación de envases lixeiros do complexo medioambiental de Cerceda.

O deputado popular explicou que o presidente de Sogama rexeitou a proposta de adxudicación contida no informe dos propios técnicos de Sogama, elaborado a petición  da mesa de contratación e que resultaba ser coincidente con un segundo informe elaborado por Ecoembes, unha sociedade anónima sen ánimo de lucro constituída por un grupo de empresas a prol do reciclado e dunha xestión axeitada dos residuos.

REXEITA AOS TÉCNICOS DA SÚA EMPRESA.- José Álvarez rexeitou as propostas elaboradas polos técnicos da súa empresa e encargou á Universidade de Vigo un informe á medida dos seus intereses. O contido dese informe, oposto ás teses dos propios técnicos de Sogama e de Ecoembes, determinou finalmente a adxudicación do contrato á empresa Cespa, segundo pode comprobarse na páxina web de Sogama (http://www.sogama.es/pliegos.php?lang=GA&sec=1): 

A oferta recomendada polos técnicos de Sogama a e por Ecoembés era a presentada por Urbaser, rexeitada finalmente por unha decisión unilateral e inxustificada do presidente de Sogama.
Persoas coñecedoras desta irregularidade, puxeron a situación en coñecemento do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e do seu xefe de gabinete tempo atrás, polo que o PPdeG reclama unha explicación inmediata dada a gravidade dos feitos denunciados e as responsabilidades que deles se derivan.

O PPdeG recorda que irregularidades similares cometidas na Consellería de Política Territorial a raíz da adxudicación da Autovía da Barbanza acabaron provocando a imputación xudicial de catro altos cargos da Xunta. Trátase do director xeral de Obras Públicas, o director xeral de Política Financeira, o subdirector xeral de Estradas e maila ex-xefe de servizo  de xestión de vías de alta capacidade e actual xefe de servizo de Estradas da Coruña, imputados por presuntas irregularidades na adxudicación da autovía da Barbanza. Están acusados da presunta comisión dos delitos de “prevaricación, maquinación para alterar o prezo das cousas e negociacións prohibidas aos funcionarios que é preciso investigar”, segundo sinala o auto xudicial.