Partido Popular de Lugo

BARREIRO QUERE QUE OS AFILIADOS DO PARTIDO POPULAR SE IMPLIQUEN MÁIS NA ACTIVIDADE DA FORMACIÓN

Vilalba, a 27 de outubro de 2008.- O Presidente do PP de Lugo José Manuel Barreiro, xunto co Secretario xeral da formación José Manuel Balseiro, reuniuse hoxe en Vilalba cos integrantes da agrupación local do PP, encabezados polo seu presidente Agustín Baamonde, e con afiliados. 

O encontro enmárcase dentro do intenso calendario de reunións que está a desenvolver o Presidente provincial polas comarcas e concellos da provincia con fin de coñecer de primeira man a situación na que se atopan as diversas zonas da provincia.

Manter un contacto directo cos afiliados é outro dos obxectivos prioritarios destas xuntanzas. Un achegamento que responde á filosofía que se está a impulsar dende a dirección provincial e que persegue un doble fin. Por unha banda fomentar a participación das bases nas actuacións que está a realizar o partido en todos os ámbitos institucionais e por outra, abrir o partido á cidadanía en xeral, poñendo un especial énfase en colectivos como as mulleres e os mozos, incorporando a acción política todas as suxerencias que xurdan destes encontros.

José Manuel Barreiro quere que todos os afiliados e simpatizantes do Partido Popular participen activamente nos órganos de decisión do partido e que transmitan a súas propostas para facer así un proxecto político “máis plural, máis vivo e máis global”.

A celebración das eleccións autonómicas o vindeiro ano tamén foi un dos asuntos abordados no encontro de cara a establecer unha liña de actuación conxunta que posibilite acadar uns bos resultados que permitan ó PP voltar a poñerse ó fronte do Goberno da Xunta de Galicia. Unha liña de actuación conxunta na que José Manuel Barreiro quere implicar a todos os afiliados e simpatizantes.