Partido Popular de Lugo

OS MÁXIMOS RESPONSABLES DA CONSELLERÍA DE PESCA CONTRADINSE EN RELACIÓN CO GRADO DE EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS DO SEU DEPARTAMENTO

Santiago, 24 de outubro de 2008.- A Conselleira de Pesca, a socialista Carmen Gallego e o secretario xeral deste departamento Miguel Ángel López Sieiro, ofreceron cifras contraditorias respecto do grado de execución dos orzamentos desta consellería nos tres últimos anos. O número dous do departamento de Asuntos Marítimos compareceu hoxe no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia para dar resposta a unha iniciativa do Grupo Popular a través da que reclamaban coñecer as razóns da baixa execución das contas desta consellería nos anos 2005, 2006 e 2007, isto é, a dos exercicios xa pechados. Co mesmo obxecto, compareceu a Conselleira de Pesca días antes, máis en concreto, na sesión plenaria celebrada o pasado 1 de outubro.

As cifras ofrecidas sobre execución orzamentaria non coinciden nunha e noutra ocasión. Mentres Miguel Ángel López Sieiro, afirma que no 2005 executouse o 60% do orzamento, a Conselleira de Pesca falou do 90,3%. A mesma falta de coherencia tivo lugar con respecto aos datos do 2006, o secretario xeral falou do 68,5% e a conselleira inflou a data ata o 85,1%. Finalmente, os datos ofrecidos tampouco coinciden no 2007, o número dous de Pesca falaba dun grado de execución do 52,1%, é dicir, recoñecía que no último exercicio pechado quedou sen executar case a metade do orzamento, mentres que a conselleira falou dun grado de execución do 87,2%.

EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO.- O deputado popular José Manuel Balseiro Orol, autor da pregunta, xa anunciou que “á vista da flagrante contradición” o seu grupo interpelará á Conselleira de Pesca en Pleno, “de tal xeito que poidan clarexarnos estes datos”. “Non é de recibo -explicou o voceiro do PPdeG- que uns e outros non sexan capaces de ofrecer unha cifra oficial e pechada respecto da cantidade que deixou de investir a Consellería de Pesca. Probablemente o que pretenden é confundir á opinión pública e agochar con elo unha realidade incontestable: Non houbo xestión nestes últimos tres anos”.

FALTA DE APOIO AO SECTOR PESQUEIRO.- Os populares lembraron que Pesca é o farolillo vermello dos departamentos autonómicos en grado de execución orzamentaria isto a pesar de que o sector pesqueiro galego está a afrontar unha das súas peores crises, afogados polo prezo do combustible, o descontrol nas importacións e pola perda de competitividade das empresas e profesionais que traballan no ámbito marítimo-pesqueiro, marisqueiro ou da acuicultura.

NIN UNHA SOA MEDIDA NOVA PARA SUPERAR A CRISE.- Por outra banda, os populares tamén defenderon, no seo da Comisión de Pesca celebrada no día de hoxe, unha iniciativa parlamentaria a través da que reclamaba coñecer as medidas que desde o Goberno galego habilitaron co obxecto de superar esta situación de crise que afecta aos traballadores do mar e do marisqueo. Nesta ocasión, o encargado de dar resposta ás preguntas foi José Manuel López Rodriguez, director xeral de Estruturas e Mercados quen, en opinión do PP “limitouse a explicar as mesmas medidas que xa nos enunciaron fai máis dun ano e que resultaron claramente insuficientes” “É dicir, o Goberno bipartito  non ten nada que ofrecer ao sector pesqueiro galego e permanece inactivo e ata diría que vago cando o seu apoio é máis necesario ca nunca” – concluíu o popular Balseiro Orol.