Partido Popular de Lugo

O GPPP QUERE QUE A DEPUTACIÓN SE IMPLIQUE NA LOITA POR REDUCIR OS ACCIDENTES DE TRÁFICO

Lugo, a 24 de outubro de 2008.- O GPPP levará o próximo pleno da Deputación unha moción na que propón a elaboración dun plano de detección de puntos negros na rede viaria provincial para que, unha vez detectadas as deficiencias que provocan a acumulación de accidentes de tráfico nese lugar, se subsanen coa maior brevidade posible.

Os populares tamén propoñen na súa moción que, con cargo ós orzamentos do vindeiro ano, se proceda á sustitución das biondas de protección que hai nos viais provinciais por outras de última xeneración. Esta petición responde ó compromiso acadado polo voceiro do GPPP José Manuel Barreiro durante unha reunión mantida con representantes de diversas asociacións e colectivos de moteiros para coñecer de primeira man as súas reivindicación e na que lle espuxeron as graves consecuencias que estas barras de protección lles ocasiona en caso de caída.

Dende o GPPP poñen de manifesto que a rede viaria provincial lucense presenta, en moitos dos máis de 4.000 quilómetros cos que conta, demasiadas zonas nas que se concentran un elevado número de accidentes de tráfico. Uns puntos negros nos que nalgúns casos ademais hai unha elevada densidade de tráfico, ó que hai que engadir tamén a complicada orografía de moitos concellos da provincia, todo elo conflúe de xeite negativo no tráfico rodado e, ó entender dos populares, nas mans da administración provincial está adoptar medidas encamiñadas a minimizar os riscos de accidentes.  

No caso das biondas de protección, o PP considera que a Deputación debe seguir o exemplo anunciado pola Xunta, de que en determinados puntos da rede viaria da comunidade autónoma procedería nun futuro a sustituir os antigos por outros que, en caso de producirse un accidente, contribuirían a minimizar os efectos que o percance poidera ocasionar ós motoristas.

Para o GPPP é básico que a Deputación se sume ós esforzos que dende outros ámbitos e institucións se están a levar a cabo para reducir o máis posible os accidentes de circulación e, por riba de todo, o número de falecidos por esta causa.

MOCIÓN COMERCIO.- O GPPP tamén levará ó pleno unha moción para que se estableza un Plano de axudas directas ó comercio da provincia de Lugo, que agardan, dado que o comercio é moi sensible á perda do poder adquisitivo dos consumidores e que xa é notorio coma consecuencia da mala situación económica, conte co respaldo unánime de todos os grupos.

O PP propón tamén que a institución provincial solicite ó Goberno da Xunta de Galicia a elaboración e aplicación inmediata dun Plan de choque que permita combater os efectos da crise no comercio galego en xeral e no lucense en particular.

Os populares advirten que é urxente respaldar a este sector e argumenta esta consideración facéndose eco das estimacións realizadas polo propios afectados, que xa alertaron de que un dez por cento dos aproximadamente 6.000 comercios existentes poderían pechar as súas portas por culpa da drástica rebaixa das vendas.