Partido Popular de Lugo

A XUNTA CONFIRMA POR ESCRITO A PARALIZACIÓN DOS INVESTIMENTOS AUTONÓMICOS NO CONCELLO DE CHANTADA

Chantada, 23 de outubro de 2008.- As diferentes respostas escritas enviadas pola Xunta de Galicia á deputada popular Susana López Abella confirman que o Executivo bipartito mantén paralizados todos os investimentos que debería estar realizando, xa que tan só ten constancia dunha partida de 55.000 euros (9 millóns das antigas pesetas) consignada por Sanidade para “equipamentos”.

O dato foi revelado esta mañá por Susana López Abella nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá en Chantada para dar conta das respostas oficiais recibidas despois de presentar no Parlamento cadansúa pregunta dirixida a cada unha das 12 consellerías da Xunta de Galicia para coñecer os investimentos realizados e os proxectos postos en marcha nese municipio lucense.

Despois de constatar que o Concello de Chantada continúa sendo “o gran esquecido da Xunta” en materia de investimentos e que paga en carne propia as consecuencias do dobre discurso que manteñen PSOE e BNG –na localidade afirman unha cousa, e desde o Executivo autonómico fan o contrario-, López Abella valora a sinceridade da resposta que lle foi remitida desde a Consellería que dirixe Ricardo Varela.  “No ámbito da Consellería de Traballo non se realizaron investimentos no Concello de Chantada”, afirma a resposta oficial trasladada desde ese departamento autonómico.  

PRESIDENCIA ANULA 600.000 EUROS.- Outros dos documentos tampouco ten desperdicio. É o caso do enviado pola Consellería da Presidencia, que admite que os investimentos plurianuais previstos para a construción do edificio da Casa Consistorial o edifico comarcal foron anulados. Chantada perdeu así un total de 598.587 euros, que se deberían ter distribuído en dúas anualidades (348.587 euros en 2006 e 250.000 euros en 2008). Recoñece a Xunta que sí se investiron 246.415 euros no ano 2005, pero omite que o investimento foi efectuado polo anterior Executivo autonómico do PPdeG.

Outras consellerías, como Vivenda, Cultura, Industria, Medio Ambiente, Educación ou Política Territorial optaron por non responder, dado que tampouco teñen en marcha investimento algún en Chantada.

MEDIO RURAL TOMA O PELO AOS CHANTADINOS.- Das consellerías nacionalistas, a única que atendeu o requirimento parlamentario do PPdeG foi a de Medio Rural, pero “fóralle mellor non facelo, xa que se limita a tomarlle o pelo á Cámara e aos chantadinos”. Medio Rural remire ao Grupo Popular a consultar a súa páxina web para averiguar se existe ou non algunha actuación pendente en Chantada.

Na comparecencia informativa de hoxe, López Abella apuntou que as respostas parlamentarias ofrecidas polos distintos departamentos autonómicos “deixan moi mal parados e desautorizan abertamente aos socios do Goberno local chantadino, porque acreditan que esta localidade foi borrada do mapa no que a investimentos da Xunta se refire”.