Partido Popular de Lugo

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE CARECE DE DEPURACIÓN SUFICIENTRE PARA TODOS OS LIXIVIADOS TÓXICOS DO VERTEDOIRO DA AREOSA

Santiago, 23  de outubro de 2008.- A Consellería de Medio Ambiente da Xunta, a través de Sogama, carece de capacidade de depuración suficiente para os lixiviados tóxicos orixinados polo vertedoiro de residuos da Areosa, no que cada ano está a enterrar máis de medio millón de toneladas refugallos de todo tipo.

A ausencia de depuración explica a morte de milleiros de peixes rexistrada a pasada fin de semana no río Lengüelle, á altura co coto de Boicalvo, situado a carón da desembocadura do regato polo que desauga o vertedoiro da Areosa.

Jaime Castiñeira, voceiro de  Medio Ambiente do Grupo Popular, dispón de indicios que apuntan que non todas as balsas de decantación (axúntanse fotografías) nas que se almacenan os lixiviados procedenes do vertedoiro de Sogama, están conectadas ao sistema de depuración portátil habilitado na zona e algunhas poderían carecer de sistema de tratamento.   

BALEIRADO DE BALSAS.- Deste xeito, Sogama podería estar aproveitando as noites e as fins de semana para baleirar as balsas nas que se acumulan os lixiviados tóxicos, o que explica episodios como a mortandade masiva de peixes rexistrada hai escasos días no Lengüelle, que desemboca no Tambre.

Con todo, e máis aló dos danos que o vertido poda causar sobre a fauna piscícola do río Lengüelle, o PPdeG chama a atención sobre o risco que esta práctica implica para as poboacións que se abastecen de auga potable desde ese curso fluvial e desde o Tambre. De feito, augas abaixo, a escasos 33 quilómetros do vertedoiro da Areosa,  atópase a  captación e a estación depuradora de auga potable que da servizo a máis de 100.000 habitantes de Santiago de Compostela e parte de Ames.         

ANALÍTICAS NO RÍO TAMBRE.- O PPdeG preguntará no Parlamento se a Consellería de Medio Ambiente ou algún dos departamentos dependentes dela, como Augas de Galicia, teñen efectuado analíticas periódicas no río Tambre para detectar a presenza de elementos contaminantes, tanto micribiolóxicos, como metais pesados e outros tóxicos que podan afectar á saúde das persoas.   

Jaime Castiñeira estima que tales analíticas son absolutamente imprescindibles tendo en conta que na Areosa se enterran, sen tratamento previo de ningún tipo, todo tipo de materiais, desde lixo doméstico, ata restos de material sanitario, electrodomésticos e mesmo, como se acreditou con fotografías, restos de animais.

O Grupo Popular pedirá copia autenticada de todos os resultados analíticos dispoñibles dos últimos meses, ante a evidencia de que o vertido dos últimos días non foi un feito illado e ten numerosos antecedentes, polo menos desde a pasada primavera, cando o PPdeG comezou a denunciar o caso.

Jaime Castiñeira reclama, do mesmo xeito, se lle remita –se é que existe- copia da delimitación do vertedoiro de residuos sólidos urbanos e do de residuos da construción, situados un a carón do outro na Areosa, dado que visualmente semella tratarse dun único vertedoiro.