Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG REXEITAN NO PARLAMENTO O PLAN DE APOIO AO SECTOR DA LOUSA FORMULADO POLO PPdeG PARA SUPERAR A CRISE DESTA RAMA DE ACTIVIDADE

Santiago, 22 de outubro de 2008.- Os deputados dos grupos socialista e do BNG rexeitaron hoxe no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei coa que o PPdeG pretendía instar á Xunta a poñer en marcha, con carácter inmediato,  un plan de internacionalización da lousa galega, para afrontar con garantías a crise que afecta a unha actividade que constitúe o principal motor económico da comarca ourensá de Valdeorras e da lucense de Quiroga-O Courel.

Unha vez coñecida a negativa de PSOE e BNG, o voceiro de Industria do Grupo Popular, Ángel Bernardo Tahoces, anunciou que o próximo Goberno galego do PPdeG, presidido por Feijóo, porá en marcha ese plan de internacionalización e difusión da lousa galega, como instrumento acaído para superar a crise actual, a maior que se recorda na historia recente do sector.       

MÁIS MERCADOS INTERNACIONAIS.- Ese plan contempla unha estratexia articulada arredor de varias liñas de traballo. A primeira articúlase en torno a un plan de internacionalización, encamiñado a mellorar a coñecemento das propiedades da lousa galega –a mellor do mundo- nos mercados de Estados Unidos e Centroeuropa, por tratarse dos dous que albergan o maior potencial de expansión, pero tamén para afianzar unha imaxe de calidade nos mercados tradicionais. Haberá que resaltar, neste caso, a través de campaña axeitadas, as excelentes características técnicas, estéticas e ambientais  que ofrece a lousa galega respecto a outros materiais que tratan de imitar, sen conseguilo, esas propiedades.

No capítulo da internacionalización, unha segunda liña de traballo buscará mellorar -entre os profesionais e empresarios da construción- que a imaxe de calidade da lousa galega supere á das autóctonas en países con produción louseira propia, como o Reino Unido, Francia ou Alemania.

Se ben a actual crise do sector da construción en España é a responsable, en boa parte, do momento delicado que atravesan as empresas e traballadores da lousa en Galicia, non é menos certo que a crecente penetración da lousa chinesa e brasileira nos mercados internacionais afecta directamente á produción galega, segundo explicou Tahoces. As dificultades que atravesa o sector da construción xunto co incremento da oferta fai que o mercado non sexa capaz de absorber toda a lousa dispoñible. A situación obriga a redobrar os esforzos para consolidar a imaxe de excelencia da produción galega para superar a competencia de China e Brasil.  

RECUPERACIÓN AMBIENTAL.- A terceira fronte desta estratexia consistirá en axilizar a legalización das industrias que operan en Galicia no sector da lousa a partir dun plan sectorial que permita coñecer o marco de traballo das empresas, favoreza a súa competitividade, incentive a estabilidade laboral, promova a innovación tecnolóxica e compatibilice a actividade extractiva e de transformación coa preservación do contorno ambiental.

O deputado do PPdeG recordou que a Xunta e o Goberno central manteñen paralizada a execución do pacto ambiental da pizarra, asinado en 2001 polos Executivos autonómico e central, a Confederación Hidrográfica do Norte e a Asociación Galega de Pizarristas, para financiar a recuperación ambiental dos ríos e as entulleiras de lousa de Quiroga-O Courel e Valdeorras. Os populares galegos entenden imprescindible priorizar esta actuación a curto prazo.

INVESTIGACIÓN E DIVERSIFICACIÓN.- Na mesma liña, os populares galegos apostan pola diversificación, baseada na investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica para lograr novos usos e aplicacións para a lousa galega.

O feito de que a lousa sexa un produto nobre, inalterable fronte ao paso do tempo e que mantén as súas constantes técnicas con independencia das condicións do entorno, convértea nun material susceptible de utilizar en novas aplicacións, máis aló da tradicional para cubertas. Por esa razón, o PPdeG promoverá a investigación deses usos alternativos que permitirán abrir novos nichos de  mercado para a lousa galega.

Como se dicía, o sector da lousa constitúe o principal motor económico da comarca ourensá de Valdeorras e da lucense de Quiroga-O Courel. No primeiro semestre deste ano, as exportacións de lousa galega reducíronse nun 13%. Pasaron de 365.000 toneladas no primeiro semestre de 2007 a 308.000 nos seis primeiros meses de 2008.

Este recorte, unido á crise da construción en España, tense traducido en serias dificultades para as empresas e traballadores dedicados a esta actividade. O 70% das exportacións españolas de lousa teñen a súa orixe en Galicia. En 2007, España exportou lousa valorada en 332 millóns de euros. O principal mercado sitúase en Francia , seguido do Reino Unido, Alemaña e Irlanda.

NOVA CONTRADICCIÓN DO PSOE.- O debate da iniciativa do PPdeG volveu evidenciar as contradicións do PSOE, que afirma unha cousa na comarca e vota o contrario no Parlamento de Galicia. Deste xeito, a deputada socialista da comarca de Valdeorras Mª Carmen Acuña votou en contra da posta en marcha dun plan para superar a crise que castiga con dureza ao sector da lousa.