Partido Popular de Lugo

O BNG AMOSA A SÚA CARA MÁIS SECTARIA COA CONFABULACIÓN DO PSOE DESDE A PRESIDENCIA DA CÁMARA

Santiago, 22 de outubro de 2008.- Nova xornada negra para a democracia e o parlamentarismo en Galicia. O Pleno do Parlamento volveu ser escenario do sectarismo do BNG, que excluíu expresamente ao PPdeG de calquera acordo en materia de normalización lingüística, optando polo camiño da imposición, mentres a presidenta da Cámara renunciou á imparcialidade que debería supoñérselle e impediu que o grupo maioritario puidese expresar o sentido do seu voto.

O altercado rexistrado este mediodía xurdiu logo de debater unha proposición non de lei do BNG sobre a normalización da lingua galega. Ao tratarse dunha proposta excluínte, e que no garante o principio de non discriminación por razón de lingua que recolle o Estatuto de Autonomía de Galicia, o PPdeG formulou unha emenda defendida pola voceira de Educacion, Manuela López Besteiro.

Sen embargo, unha vez rematada a quenda de intervencións, o PPdeG non participou na negociación da emenda que finalmente sacaron adiante socialistas e nacionalistas. Previamente, o nacionalista Bieiro Lobeira advertiu expresamente deste a tribuna que excluía ao PPdeG de calquera negociación ao respecto, pechando calquera posibilidade de consenso e dando por feito que o bipartito continuará a aplicar unha política lingüística sectaria, baseada na  imposición e na exclusión.

Ao rematar as votacións a presidente do Parlamento impediu á voceira de Educación do Grupo Popular, e ao portavoz parlamentario dos populares, facer uso da palabra para explicar o sentido do seu voto e aclarar que o voceiro socialista non é quen para convocar aos populares a negociar unha iniciativa que fora promovida polo BNG.  

Rematado o Pleno, nunha convocatoria secundada por todos os deputados do Grupo Popular, o presidente do Grupo Popular, Alberto Núñez Feijóo, expresou a súa queixa pola actitude “sectaria” amosada pola presidenta do Parlamento, que, ao seu xuízo demostrou que “non é (presidenta) de todos, só do PSOE e do BNG”. “O Grupo  maioritario non ten Presidencia”, lamentou, ao tempo que gabou a “honorabilidade” da voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, á que expresou o apoio de todos os deputados populares.

GALEGO, IMPOSICIÓN NON.- Feijóo insistiu en que o PPdeG apoia o Plan de Normalización Lingüística aprobado no seu momento por unanimidade no Parlamento de Galicia, pero rexeita a imposición que o Goberno bipartito está a practicar mediante o decreto de ensino do galego. “Plan si, imposición do galego non; bilingüísmo si, bipartito non”, aseverou.

Previamente, na súa intervención ante o Pleno, López Besteiro anunciara que unha das primeiras medidas que adoptará o futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo na vindeira lexislatura consistirá en derrogar o decreto 124/2007, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, aprobado polo Goberno bipartito e que provocou un conflito lingüístico innecesario na Comunidade Autónoma. A voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, avogou por dar carpetazo definitivo ao conflito idiomático provocado polo Goberno bipartito, no que o PSOE permanece “refén” do BNG, por mor do “medo reverencial” que os socialistas profesan aos nacionalistas.

López Besteiro defendía así a emenda rexeitada de plano polo BNG e coa que o  PPdeG amosaba a súa oposición frontal ao decreto de ensino do galego, promulgado polo bipartito, por entender que non garante o cumprimento do artigo 5.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”.

Para superar a situación actual, López Besteiro insistiu na necesidade de derrogar o decreto do bipartito e, no seu lugar, promulgar unha norma que recolle as catro garantías individuais ás que fai referencia o informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia coincidindo coa tramitación do referido decreto. 

GARANTÍAS NECESARIAS.- Para o PPdeG resulta básico, e sumamente necesario, que a futura norma sobre o ensino do galego estableza con claridade catro garantías que considera básicas e necesarias: 

Garantía de equilibrio total entre o galego e o castelán en horas de docencia. Unha proporcionalidade do 50% entre as dúas linguas oficiais, sen perxuízo de poder introducir un terceiro idioma estranxeiro, de xeito que os escolares non sexan obrigados a estudar nin máis castelán que galego, nin máis galego que castelán.
·        Garantía de que os alumnos podan elixir libremente a lingua coa que se expresen nas aulas e nos exames, salvo nas materias específicas de galego e castelán. 

Garantía de que serán os pais os que elixan a lingua vehicular de ensinanza dos seus fillos en Educación Infantil. 

Garantía de que ao final de cada curso e de cada ciclo de ensinanza os alumnos saberán empregar ambas linguas ao mesmo nivel.   

CAMBIO DE ACTITUDE NECESARIO PARA EVITAR EXCLUSIÓNS.- Paralelamente, a deputada popular reclamou un cambio de actitude do Goberno bipartito para reformar o artigo da última reforma da Lei da Función Pública que obriga a efectuar en galego, polo menos, un dos exames de acceso á Administración autonómica.

Tal medida pode podería traducirse nun deterioro do servizos públicos en Galicia, xa que persoal altamente cualificado e procedente doutras Comunidades, como os médicos, pode ser disuadido con medidas deste tipo. O PPdeG rexeita tamén as imposicións lingüísticas que a Xunta pretende levar adiante a través do anteproxecto de lei de comercio que se atopa en fase de elaboración.