Santiago, 22 de outubro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha iniciativa na que solicita o incremento dos controis sanitarios sobre as grandes superficies e os mercados co obxecto de detectar se as importacións de peixe panga comercializado en Galicia conteñen produtos ou axentes contaminantes prohibidos. José Manuel Balseiro indicou que a presenza deste peixe de dubidosa salubridade nos mercados galegos está a provocar un risco innecesario para a saúde dos seus potenciais consumidores e unha competencia desleal con respecto aos produtos comercializados pola flota galega, de maior calidade e garantías.
Para Balseiro Orol existen análises que demostran a presenza de produtos e axentes contaminantes prohibidos no peixe panga, entre eles, listeria, salmonela, cólera, entero-bacilos, metais pesados e nitrofuranos polo que solicita a Xunta que incremente os controis sanitarios sobre os lotes que chegan ata Galicia para que no seu caso se tomen medidas como noutros países que chegaron a prohibir a importación deste peixe.
Para o deputado popular os datos amosan que existen situacións que poñen en evidencia o control que se está a levar a cabo sobre os produtos pesqueiros foráneos que chegan aos nosos mercados e que a Xunta deberá mirar con lupa o peixe panga, importado de terceiros países onde onde non existe o escrupuloso rigor que adoptan aquí as autoridades sanitarias.
Balseiro acusou a Xunta de non amosar unha clara reacción tras coñecerse os resultados das primeiras análises que cuestionaban a calidade hixiénico sanitaria e nutricional do peixe panga e de non informar puntualmente aos potenciais consumidores.
O PEIXE GALEGO OFRECE MAIORES GARANTÍAS.- O deputado popular lembrou as alertas sanitarias da Comisión Europea, relacionadas coa presenza de residuos de medicamentos en peixes da especie do panga. Así mesmo o Instituto de Investigacións Mariñas alertou sobre a presenza de contaminantes no delta no que se produce, no contaminado río Mekong en Vietnam. Ademais o laboratorio de referencia de Anfaco-Cocepesca confirmou a presenza de axentes patóxenos en diferentes lotes comercializados no noso país. A maiores, indicou Balseiro, diversas investigacións dan testemuña do uso de fármacos e hormonas femininas para estimular a fecundidade no peixe panga.
Lonxe do que cabería esperar, indicou Balseiro, a importación deste peixe procedente de Asia vén de crecer nun 235% entre o 2004 e 2007, acadando un ritmo anual de incremento dun 60%. “De feito está a converterse nun produto no mercado substitutivo dos filetes de pescada ou do fletán conxelado, que son capturados pola nosa moderna flota conxeladora, e que son peixes de gran calidade e teñen maiores garantías hixiénico-sanitarias e nutricionais”.
Balseiro indicou que análises aleatorios realizados en mostras de filetes de panga que estan en hipermercados galegos demostraron que contiña axentes potencialmente dañinos como a listeria ou a cólera. “En vez de reforzar os controis sobre este peixe a Xunta de Galicia chegou a tal desprezo polo sector e os consumidores que tanto nos comedores escolares, como nas residencias para persoas maiores, centros de día e outras institucións públicas e concertadas de Galicia o peixe panga estivo presente nos seus menús”.
O deputado popular tamén acusou a Xunta de manter unha actitude pouco transparente non achegando a realidade desta situación aos consumidores que terían que actuar de forma responsable tendo toda a información o seu alcance.