Santiago, 22 de outubro de 2008.- A Xunta de Galicia recoñece a gravidade do vertido tóxico efectuado ao río Lengüelle en datas recentes e, proba dixo, é que esta mesma mañá convocou ao presidente de Sogama a unha reunión que se celebrou no Parlamento para darlle instrucións expresas para que se esforce en ocultar ou enmascarar o sucedido con todos os medios ao seu alcance.
Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular atribúe a sucesión de vertidos que se rexistran na planta e no vertedoiro de Sogama ao desinterese dos seus actuais responsables. De feito, o actual presidente de Sogama, José Álvarez, dedícase a cultivar a súa afección polo luxo, seguindo o exemplo do presidente da Xunta.
Como exemplo, Castiñeira Broz explica que unha das primeiras medidas adoptadas por José Álvarez despois de chegar a Sogama consistiu en marcar un coche de luxo (outro Audi) e un condutor ao seu servizo exclusivo. Pola contra, o anterior presidente de Sogama carecía de condutor oficial e conducía el mesmo un utilitario.
UNHA SILLA DE 3.000 EUROS.- Outro dos “logros” chamativos de José Álvarez nos escasos tres anos que leva no cargo foi a adquisición dun silla nova para o seu despacho. A factura desa única silla ascende a 3.000 euros. A cifra multiplicouse exponencialmente co cambio do despacho, tamén ordenado por Álvarez pouco despois de asumir o cargo.
Non satisfeito con eses cambios, o presidente de Sogama atópase incómodo nas oficinas de Morzós porque, segundo el, “cheiran”. Ese cheiro, agrega Jaime Castiñeira, “pode ser soportado polos veciños de Cerceda e de Ordes que viven nas inmediacións da planta de Morzós, pero o delicado aparato olfativo do presidente de Sogama impídelle concentrarse no seu traballo”. Por iso, Sogama xa adquiriu uns locais en Santiago de Compostela para mudar as oficinas ás novas dependencias, lonxe de Cerceda.
EXPLICACIÓNS DE MEDIO AMBIENTE.- O Grupo Popular rexistrou no Parlamento unha batería de iniciativas para coñecer o alcance real do último vertido, tendo en conta que o número real de troitas mortas supera amplamente o milleiro de exemplares recoñecidos desde as instancias oficiais. O Grupo Popular esixe unha cuantificación real do número de exemplares que resultaron mortos, pero quere coñecer tamén se Sogama efectúa controis diarios dos lixiviados xerados polo vertedoiro da Areosa, pide una delimitación dos diferentes vertedoiros existentes nese monte de Cerceda e un informe exhaustivo sobre as medidas de seguridade adoptadas nese vertedoiro.
O PPdeG leva meses denunciando a situación irregular e os riscos ambientais e sanitarios derivados do vertedoiro de residuos situado no monte da Areosa, en Cerceda. Os lixiviados procedentes dese vertedoiro foron parar a un regato que verte no río Lengüelle, que discorre próximo ao lugar no que se enterra lixo de todo tipo, desde RSU, a residuos hospitalarios, industriais, animais, e doutro tipo. O último episodio desa sucesión de vertidos produciuse a pasada fin se semana, cando milleiros de troitas apareceron mortas augas abaixo do vertedoiro da Areosa.