Partido Popular de Lugo

A XUNTA PROMOVE UNHA LEI DE PESCA QUE IGNORA AS NECESIDADES DUN SECTOR DO QUE DEPENDEN MÁIS DE 25.000 GALEGOS

Santiago, 21 de outubro de 2008.- O Grupo Popular expresou hoxe o seu rexeitamento ao proxecto de lei de Pesca do bipartito por entender que non responde nin ás necesidades nin as expectativas do sector. O voceiro de pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro, interpreta que o intento de aprobar a norma in extremis, cando están a piques de se convocar as Eleccións autonómicas, revela unha manobra da Xunta para agochar máis de tres anos de desidia en relación cun sector do que, en Galicia, dependen directamente, máis de 25.000 persoas.

CESE ENCUBERTO DE CARME GALLEGO.- Como exemplo desa desidia, Balseiro aludiu ao tratamento presupostario que a pesca galega vai ter no ano 2009, cun recorte do 11,8% nos orzamentos dese departamento autonómico. Tal redución, que se produce cando o sector pesqueiro galego atravesa a peor crise dos últimos 25 anos, levou a Balseiro a considerar que Carmen Gallego está a ser cesada con antelación e de xeito encuberto.

Como exemplo do descontrol absoluto que reina na Consellería de Pesca, Balseiro recordou que a semana pasada quedou sen subministración eléctrica, por falta de pago, a sala de control dos Gardacostas de Galicia, cos riscos que iso implicou para a operatividade dos medios de vixilancia e inspección pesqueira, pero tamén para os de busca e salvamento marítimo, coordinados desde esas dependencias.

“Iso só pasa na Consellería de Pesca”, apuntou Balseiro, que convidou PSOE e a BNG a  indagar de quen foi a  responsabilidade do impagamento, vistas as disputas internas desatadas entre as distintas consellerías para eludir a súa responsabilidade logo de coñecerse este suceso. 

O proxecto de lei de pesca tampouco contribúe a solucionar os problemas existentes en servizos como o de Gardacostas de Galicia (o 90% das súas embarcacións permanecen amarradas desde outubro de 2006), gravemente prexudicados pola xestión desenvolvida nos últimos anos. A nova fórmula  legal non mellora os servizos de inspección e vixilancia dos recursos e de salvamento marítimo pese a que estas deberían ser prioridades irrenunciables, máxime despois de recentes sucesos, como a desarticulación dunha rede de comercialización ilegal de vieiras con toxina. 

A pasividade amosada pola Xunta nestes tres últimos anos tivo un reflexo claro na costa galega, cun crecemento exponencial da actividade do furtivismo nas rías e bancos marisqueiros.

A XUNTA DESPREZA ÁS CONFRARÍAS.- No texto remitido pola Xunta ao Parlamento, o PPdeG detecta un profundo desprezo ás confrarías de pescadores e outras entidades similares, obviando que estas organizacións teñen constituído, historicamente, o fundamento básico do sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia. O Goberno galego parte dunha relación de desconfianza respecto destas agrupacións e, en base a iso, establece un réxime normativo que desvirtúa a súa importancia e intervén en exceso, limitando a súa autonomía e minimizando a contribución e as achegas destas entidades á aposta estratéxica do Goberno de Galicia.

DEIXA DE LADO A SUSTENTABILIDADE.- O PPdeG tamén considera inasumibles as carencias da lei no referido á sustentabilidade dos recursos, malia que sobre esta idea pivota a día de hoxe, toda a normativa internacional, europea e española. 

Balseiro Orol bota en falta unha maior ambición na regulamentación das concesións sobre bateas e outros medios de cultivo, xa que mantén aberta a porta á incautación das bateas cando expiren as súas concesións, esquecendo a capacidade de creación  riqueza e de emprego deste subsector numerosas áreas do litoral galego. 

UNHA LEI REXEITADA POLO SECTOR.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular matiza que as supostas rectificacións e incorporacións realizadas sobre a proposta inicial non impiden que o proxecto de lei continúe arrastrando gran parte das anomalías que a fixeron merecedora do rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca, o máximo órgano consultivo do sector en Galicia. Xunto a iso, en palabras de Balseiro, o Goberno bipartito volve presentarse como un xigante burocrático soberbio e xordo ante as suxestións que están a realizar moitos dos axentes que no futuro deben desenvolver esta nova normativa. 

Os populares galegos interpretan que o proxecto de Lei de Pesca constitúa un evidente incumprimento do primeiro dos compromisos adquiridos polas forzas políticas que hoxe conforman o Goberno de Galicia. Socialistas e nacionalistas prometeron, nas súas bases programáticas, converter a pesca nun sector estratéxico e rematan a lexislatura co sector á beira da ruína.