Partido Popular de Lugo

O PPdeG CONSIDERA QUE SÓ UN IRRESPONSABLE PODE TRASLADAR UNHA SALA DE EMERXENCIAS SEN TER ASEGURADO UNHA DOBRE SUBMINISTRACION ELÉCTRICA

Santiago, 16 de outubro de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular reitera que a sala de control do Gardacostas de Galicia estivo sen subministración eléctrica durante toda a xornada do martes e ata as 14,00 horas de onte mércores, e non durante unha única xornada como argumenta a Consellería de Pesca. O departamento que dirixe Carmen Gallego tamén mentiu sobre as causas do corte. O PPdeG ten constancia de que obedeceu ao impago da factura eléctrica do local e non a unha conexión de obra, como afirmou Pesca tratando de botar balóns fóra e culpar á Consellería da Presidencia desta nova neglixencia que afectou directamente á operatividade dos  medios de salvamento marítimo.

Con todo, José Manuel Balseiro, portavoz de Pesca do Grupo Popular, considera que o máis grave do sucedido estes días é a irresponsabilidade de quen ordenou trasladar a sala de control do Gardacostas a un local que, á vista dos feitos, non reúne as condicións adecuadas, por non ter asegurado unha subministración eléctrica dobre, que asegure fluído ininterrompido.   

IRRESPONSABILIDADE DE PESCA.- Para Balseiro, “só un irresponsable como a conselleira de Pesca” pode ordenar o traslado dun servizo tan sensible a un lugar que non reúne as condicións axeitadas e recorda que calquera outra sala de control de áreas esenciais (como as dos 112 ou do 061, pero tamén hospitais e outros centros) dispoñen de dobre submistración eléctrica, con xeradores que entran en funcionamento cando a rede externa presenta calquera incidencia.

SEN PANTALLAS DE CONTROL NIN EQUIPOS INFORMÁTICOS.- O PPdeG reitera que o corte de corrente eléctrica que afectou á sala de control do Gardacostas deixou fóra de servizo a central telefónica (incluídos os teléfonos corporativos conectados á rede Ibercom da Xunta), pero tamén os equipos informáticos e as pantallas que permiten ter permanentemente localizados os diferentes medios de inspección, vixilancia, busca e salvamento marítimo. “Gracias a Deus que non houbo ningún percance serio porque, de terse producido, ¿como coordinarían o despregue se medios?”, pregunta Balseiro.

A gravidade do sucedido levará ao PPdeG a formular unha interpelación dirixida á conselleira de Pesca, Carmen Gallego, para que explique o sucedido no Parlamento e asuma as súas propias responsabilidades. E tendo en conta que, nun primeiro momento, Pesca botou “balóns fóra” tratando se culpabilizar do sucedido á Consellería da Presidencia debido a unha hipotética conexión eléctrica de obras, o PPdeG interpelará tamén a Méndez Romeu para darlle ocasión de que ofreza a súa propia versión desta nova neglixencia.

O PPdeG ten constancia de que o corte de luz rexistrado esta semana non é o primeiro que se rexistra deste que a sala de control do Gardacostas utiliza as novas instalacións. Desde o traslado téñense producido, polo menos, dous cortes de fluído eléctrico.