Santiago, 15 de outubro de 2008.- A sala de control do Servizo de Gardacostas de Galicia leva 2 días fóra de servizo porque a Consellería de Pesca se esqueceu de pagar os recibos da compañía subministradora, que optou por cortar o fluído mentres non sexan saldadas as débedas.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, denuncia a gravidade da situación xa que o feito de que a sala de control non estea operativa impide recibir chamadas e coordinar os medios que ten a súa disposición, incluíndo os dedicados ao control do furtivismo (amarados a porto nun 90% desde outubro de 2006), pero tamén embarcacións polivalentes e helicópteros de busca e salvamento marítimo.
“O que non pase na Consellería de Pesca non acontece en ningures”, afirma Balseiro, que considera que a neglixencia cometida neste caso supera todas as anteriores, na medida en que condiciona a operatividade e coordinación de medios de salvamento que poden resultar vitais no caso de que se produza algún sinistro no mar.
Ante a gravidade deste novo episodio, o PPdeG esixe á Consellería de Pesca que corrixa a incidencia ao longo do día de hoxe e recupere a operatividade plena da sala de control do Servizo de Gardacostas de Galicia. “É unha vergonza que deberá ser explicada pola conselleira en primeira persoa”, agrega Balseiro.