Partido Popular de Lugo

O PPdeG ESIXE AO GOBERNO QUE DE ABSTEÑA DE EFECTUAR CONCESIÓN HIDROELÉCTRICA ALGUNHA NAS CUNCAS MIÑO-SIL MENTRES NON SE EFECTÚEN OS ESTUDOS RECLAMADOS POLO PARLAMENTO

Santiago, 14 de outubro de 2008.- Logo de coñecerse que o Goberno central continúa decidido a autorizar unha ducia de novos aproveitamentos hidroeléctricos na cun ca Miño-Sil, o PPdeG esixe á Administración central que se absteña de efectuar concesión algunha, en aplicación do principio de cautela que debe guiar calquera intervención susceptible de provocar un impacto ambiental negativo, como pode acontecer neste caso,

Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, recorda que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, dúas semanas atrás, unha proposición non de lei para instar ao Goberno central a paralizar a tramitación das concesións de novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías dos ríos Miño e Sil mentres non se efectúen os estudos de impacto ambiental e social que permitan avaliar a idoneidade, ou non, de tales proxectos. O PPdeG reclama á Xunta que efectúe eses estudos coa máxima celeridade para, a partir deles, poder tomar unha decisión fundamentada.

¿LOITA SOTERRADA PSOE-BNG?.- O Grupo Popular -que hoxe rexistrou unha iniciativa parlamentaria para reclamar copia dos proxectos técnicos dos que poda  ter constancia a Xunta de Galicia-, agarda que detrás deste procedemento administrativo non se agoche unha manobra soterrada do PSOIE para contrarrestar, desde Madrid, o concurso eólico convocado e xestionado pola Consellería nacionalista de Industria. O feito de que esta ducia de concesións abarquen unha potencia eléctrica que supera amplamente a metade da convocada no concurso eólico esperta as sospeitas do PPdeG.  

¿ONDE ESTÁ O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE?.- Para os populares galegos tamén resulta contraditorio que mentres o conselleiro de Medio Ambiente se amosa partidario de paralizar calquera proxecto que poda xerar afectación sobre os ecosistemas, non teña adoptado decisión algunha nesta caso, que xestiona a súa amiga Elena Espinosa.

Que o Ministerio de Medio Ambiente estea empeñado en proseguir a tramitación deses aproveitamentos hidroeléctricos sen agardar a dispoñer do estudios de impacto ambiental e social constitúe un torpedo á liña de flotación do autogoberno de Galicia. Este menosprezo sumaríase á ninguneo amosado, tamén en datas recentes, pola Ministra de Administracións Públicas, que se negou a constituír a subcomisión de seguimento das obras do Ave galego, contravindo abertamente unha resolución unánime da Cámara galega.

A decisión do Ministerio de Medio Ambiente de manter firme a súa decisión de autorizar novos aproveitamentos hidroeléctricos, ignorando expresamente un mandato unánime do Parlamento de Galicia, revela, ao mesmo tempo, o nulo peso político do presidente da Xunta en Madrid. 

“Se Galicia tivese o presidente que se merece, un líder respectado dentro e fóra da Comunidade Autónoma, o Goberno central non sería quen de manter este reto ao autogoberno de Galicia, co agravante de que ese mesmo Ministerio é o que promove o deslinde do litoral que ameaza con provocar que o estado se incaute de centos de propiedades en aplicación da lei de costas do 88”, agrega Jaime Castiñeira.