Partido Popular de Lugo

O PPdeG DETECTA UNHA SITUACIÓN DE “ENCEFALOGRAMA PLANO” DA DO BIPARTITO RESPECTO ÁS COMARCAS DE CHANTADA, A ULLOA E PORTOMARÍN

Santiago, 14 de outubro de 2008.- A deputada popular Susana López Abella acusou hoxe ao Goberno bipartito de actuar como se estivese afectado por un “encefalograma plano” por dar as costas ás necesidades máis apremiantes das comarcas lucenses de Chantada, A Ulloa e Portomarín. No Debate sobre o Estado a Autonomía celebrado a pasada semana no Parlamento de Galicia, López Abella rexistrou arredor de 30 propostas de resolución para instar á Xunta a resolver as principais carencias destas comarcas en aspectos como as comunicacións, viarias, a sanidade, a atención á terceira idade, a mellora do servizos públicos, ou o apoio aos sectores produtivos.

Sen embargo, a malia a transcendencia das propostas plantexadas, os socios do bipartito optaron por aplicar unha política de rodete e rexeitar todas as iniciativas do PPdeG, incorrendo en flagrantes contradicións cos grupos municipais do PSOE e do BNG dos concellos desas tres comarcas lucenses.

AUTOVÍAS INTERIORES.- No ámbito das infraestruturas de comunicación, López Abella pretendía instar á Xunta a que solicite do Ministerio de Fomento a licitación conxunta de proxecto e obra, durante o primeiro semestre do ano 2009, da autovía Chantada-Monforte como único xeito de garantir unha execución inmediata desta actuación, que está paralizada desde que en xullo de 2003 se adxudicou o estudio informativo.

O PPdeG tamén pretendía que a Xunta se dirixise ao Goberno central para axilizar a execución da Autovía Lugo-Ourense e elaborar un plan de accesos entre esta vía e os polígonos empresariais situados nas proximidades do trazado. Neste último apartado, reclamábase tamén a elaborar un plan de mellora dos parques empresariais destas tres comarcas, ademais de instar ao Goberno a remitir ao Parlamento, nun prazo máximo de 2 semanas, copias dos sucesivos proxectos e informes ambientais relacionados coa ampliación do polígono dos Acivros, en Chantada.

Reclamaba tamén axilidade na construción da autovía Lugo-Santiago, que ao rirmo actual, e no mellor dos casos, non rematará antes de 2012. Os populares  galegos tamén pretendía instar a Política Territorial a executar canto antes o tramo Taboada-Rubián da vía que comunica Parga-Friol-Palas de Rei-Monterroso-Taboada-Rubián, considerada un dos principais eixes de comunicación interior da provincia de Lugo.

REFORZAR A ATENCIÓN SANITARIA.- Simultaneamente, López Abella pedía reforzar a atención sanitaria nas terras de Chantada, A Ulloa e Portomarín, tanto no referidos aos centros de saúde, como nos PACs, dotar bases estables para as ambulancias do 061; e potenciar e ampliar os servizos de atención ás persoas dependentes e maiores, programando para iso a construción de residencias e centros de día.

En materia ambiental, o PPdeG rexistrou propostas encamiñadas a completar a rede de abastecemento de auga potable e a de sumidoiros e estacións depuradoras de augas residuais, con especial atención ás necesidades dos parques empresariais. 

Reclamaba, igualmente a elaboración de cadanseu plan de necesidades de infraestruturas deportivas e de dinamización turística dos concellos que integran as comarcas de Chantada, A Ulloa, así como o de Portomarín.

No capítulo de equipamentos públicos, López Abella tamén pedía á Xunta que desbloquee a construción da primeira fase do edificio multiusos de Chantada, que o bipartito mantén paralizado, a pesar de que existían compromisos presupostarios plurianuais do anterior Executivo do PPdeG. Para os populares galegos,  tamén resulta fundamental que a Xunta efectúe as xestións precisas para reforzar o Xulgado de Chantada cun xuíz de reforzo que contribúa a desconxestionar a saturación actual, pero sempre como paso previo á creación dun segundo xulgado, reclamado unanimemente polas corporacións locais do partido xudicial e por diferentes colectivos profesionais.     

POSTA EN VALOR DOS RECURSOS DO CAMPO.- A tamén vicesecretaria xeral do PPdeG tamen pedía unha maior implicación da Consellería de Medio Rural para poñer en valor os produtos endóxenos do sector primario da comarca. A tal efecto, o PPdeG considera necesaria unha estratexia baseada en tres piares: incorporación de mozos e mozas á actividade agraria no sector vitivinícola; acometer plans de mellora en explotacións na Ribeira Sacra Lucense; e desenvolver accións de promoción dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra Lucense. Simultaneamente, plantexábase a elaboración dun programa de infraestruturas rurais.  

NON ÁS VIVENDAS SOCIAIS.- En equipamentos sociais, os populares plantexaban a execución de vivendas sociais, elaborar unha estratexia encamiñada a evitar a diminución da oferta e os equipamentos educativos.

López Abella considera necesario axilizar a tramitación encamiñada a recoñecer a Subida Automobilística a Chantada como evento de Interese Turístico da Comunidade Autónoma, dada a súa capacidade de atracción que suscita este evento; estudar o valor etnográfico e cultural do Entroido Ribeirao de Chantada e iniciar a tramitación encamiñada a distinguilo como Festa do Interese Turístico.

Apoiar economicamente os equipos deportivos de base das comarcas de Chantada e Carballedo, valorar o posible recoñecemento do Camiño Sur a Santiago, ou Camiño de Inverno, como camiño oficial de Santiago foron outras das propostas defendidas por López Abella no debate sobre o Estado da Autonomía, pero que finalmente foron rexeitadas pola intransixencia dos socios do Goberno bipartito.