Partido Popular de Lugo

PESCA NON TEN NADA QUE OFRECER NA LOITA CONTRA O FURTIVISMO, SEGUNDO O PPdeG

Santiago, 13 de outubro de 2008.- A Consellería de Pesca da Xunta non ten nada que ofrecer na loita contra os crecentes casos de furtivismo que se están a multiplicar ao longo de todo o litoral galego. Sobre esta problemática que está a prexudicar gravemente ás confrarías galegas e ás centos e miles de mariscadoras da Comunidade Autónoma preguntou esta mañá na Comisión de Pesca do Parlamento o voceiro desta área do Grupo Popular, José Manuel Balseiro.

Os populares galegos reclamaron coñecer as actuacións e previsións que manexa o Goberno galego na loita contra o furtivismo. “Desgrazamente, non foron quen de ofrecer nada novo, ningunha proposta innovadora ou diferente da actual na loita contra a acción dos ilegais que esquilman os bancos produtivos de Galicia e con eles, os produtos pesqueiros e marisqueiros que serven de sustento do traballo e da economía familiar de moitos galegos, como mariscadoras e pescadores”, afirma Balseiro Orol.

A XUNTA, DE BRAZOS CRUZADOS CONTRA O FURTIVISMO.- O Partido Popular de Galicia denuncia, novamente, a parálise do servizo de inspección e vixilancia pesqueira, adscrito a día de hoxe ao Servizo de Gardacostas, e lembra que pese á profesionalidade e boa disposición dos seus traballadores, a Consellería de Pesca non os dota de medios suficientes ou, como no caso das embarcacións deste servizo, que permanecen amarradas en porto por problemas burocráticos, non ofrece unha solución. A Xunta permanece de brazos cruzados mentres os furtivos actúan sen pausa no litoral da Comunidade.

José Manuel Balseiro, lembrou a necesidade de que volvan a realizarse patrullas conxuntas dos Gardacostas de Galicia xunto a membros da Policía Nacional adscritos á Comunidade Autónoma. Ao seu xuízo, estas patrullas conxuntas son un instrumento eficaz na loita contra o furtivismo, como se puido comprobar ver ata o ano 2005, data a partir da cal o actual Goberno galego rematou con esta colaboración entre axentes de policía e gardacostas, sen alternativa algunha que mellore a situación.