Santiago, 13 de outubro de 2008.- As deputadas populares Susana López Abella e Amparo González Méndez ofreceron hoxe na oficina parlamentaria do PPdeG en Chantada unha rolda de prensa na que lamentaron a situación que está a pasar o sector vitivinícola da zona e a discriminación de Chantada no comezo das actuacións previstas no Plan de infraestruturas de Medio Rural. “A demora nas inversións necesarias provocará un impacto negativo que se une a crise que xa está a vivir o sector vitivinícola froito da mala negociación da OCM do viño” segundo a deputada chantadina.
Para a deputada Amparo González Méndez a negociación da OCM do viño, aprobada o 19 de decembro do 2007 e que a día de hoxe a súa aplicación está en punto morto debido a pouca dilixencia do Ministerio en aprobar o Programa de Apoio Nacional, estivo subordinada aos intereses doutras comunidades autónomas en detrimento de Galicia. Así indicou que o propio Secretario Xeral de Agricultura, Josep Puxeu, dixo que “a OCM é un traxe moi a medida do sector vitivinícola de Castela-A Mancha” amosando así o desprezo da Ministra coa Comunidade galega “que non recibirá nin o 10% anunciado polos nacionalistas”.
Esta reforma da OCM provocará, segundo as deputadas populares, perdas por valor de 13 millóns de euros para os viticultores da Ribeira Sacra polo que o PPdeG cree necesario ofertar compensacións urxentes para non agravar a situación de crise que está a pasar o sector.
Susana López Abella e Amparo González Méndez criticaron así mesmo o intento de agravar a crise do sector por parte da Xunta de Galicia “coa súa actitude incoherente e de pouca sensibilidade mantida no anteproxecto de lei de drogas co intento de penalizar o viño e a sidra con substancias aditivas perigosas cos prexuízos que esto podería supor ao sector” segundo López Abella.
Para Amparo González o intento de igualar ao viño coas drogas é un “despropósito que causou unha fonda preocupación do sector que tivo que reaccionar opoñéndose radicalmente a tramitación do anteproxecto e conseguindo facer recuar a Consellería, aparcando momentaneamente a tramitación”.
Segundo a deputada popular o PPdeG defende a retirada do viño e a sidra, así como outras bebidas fermentadas, do anteproxecto e a elaboración dunha normativa específica algo que, recordou Amparo González, xa foi apoiado polos nacionalistas en todos os concellos das Denominacións de Orixe e votado en contra no Parlamento de Galicia.