Partido Popular de Lugo

A XUNTA NON INCREMENTARÁ OS CONTROIS SOBRE O PEIXE PANGA PESE A QUE HAI ANÁLISES QUE DEMOSTRAN A PRESENZA DE CONTAMINANTES E AXENTES POTENCIALMENTE PERIGOSOS COMO A CÓLERA OU DIFTERIA NESTES PRODUTOS

Santiago, 13 de outubro de 2008.- A Xunta de Galicia non incrementará os controis que na actualidade se están a efectuar sobre as especies de peixe foráneo -procedentes de terceiros países- que chegan ao mercado galego. Así o confirmou na Comisión de Pesca celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia Ramón Medina, director xeral de Saúde Pública, que comparecía para dar resposta a unha pregunta do voceiro de pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, que se interesaba sobre a crise sanitaria producido tras detectarse no mercado galego varios lotes de peixe panga con axentes patóxenos como o cólera ou a difteria, ademais doutros produtos contaminantes.

Para a Xunta, que unha análise determine a existencia destes contaminantes de potencial risco para a saúde non é razón suficiente para incrementar os controis sanitarios ou para, no seu caso, prohibir as importacións deste peixe contaminado. O Grupo Popular insiste na necesidade de efectuar un correcto seguimento dos lotes de peixe panga que chegan ata Galicia, someter a este e a outros produtos pesqueiros procedentes da importación de terceiros países con menores garantías hixiénico-sanitarias a exhaustivas análises e, no seu caso, facer como Xapón e Estados Unidos que prohibiron a importación deste peixe.

Balseiro Orol criticou tamén a falta de información na que, ao seu xuízo, incorreu a Xunta de Galicia “pois non soubo trasladar a información suficiente aos potenciais consumidores de peixe como o panga con mínimas garantías hixiénico-sanitarias”

A XUNTA NON SE ENTERA DAS ALERTAS SANITARIAS.- Curiosamente o director xeral de Saúde Pública non tiña constancia e ata chegou a negar, no transcurso da súa intervención, a existencia nestes tres últimos anos de alertas sanitarias en relación coa entrada deste peixe nos mercado galego. O voceiro de Pesca dos populares criticou a desinformación na que está sumida a Xunta a este respecto, e lembrou que a Unión Europea ten lanzado ata sete alertas sanitarias nos dous últimos anos tras detectar residuos de medicamentos nos filetes de peixe panga que chegan ao noso país.

PREXUÍZO PARA A FLOTA GALEGA.- Lonxe do que cabería esperar á vista destes datos, a  importación de peixe panga procedente de Asia vén de crecer nun 235% entre 2004 e 2007, acadando un ritmo anual de incremento dun 60%. De feito o peixe panga está a converterse nun produto substitutivo dos filetes de pescada ou do fletán conxelado, que son capturados pola moderna flota conxeladora galega. Todo iso a pesar de que tanto a pescada como o fletán son peixes de gran calidade e maiores garantías hixiénico-sanitarias e nutricionais, insistiu Balseiro.