Monforte, a 6 de outubro de 2008.- A deputada nacional polo Partido Popular Raquel Arias Rodríguez, xunto co deputado autonómico Dámaso López e o deputado provincial José Manuel Arias, presentou hoxe en Monforte o balance dos orzamentos do Estado para a comarca de Lemos, uns orzamentos que cualificaron de DECEPCIONANTES, xa que o seu xuízo, non contemplan ningunha obra nova para esta comarca e, aínda por riba, reducen as partidas das que xa están en marcha.
O Partido Popular entende que para o PSOE, Lugo, e en concreto a comarca de Lemos, non existe, e os dirixentes socialistas de esta provincia e esta comarca ou “non teñen ningún peso político ou nos enganan deliberadamente eleccións tras eleccións prometendo melloras que nunca chegan”.
Na opinión de Raquel Arias, tamén é complice desta situación o BNG de Monforte, que “non é capaz de sacar proveito de estar gobernando en Santiago nin de aprobarlle tódolos anos os orzamentos a Zapatero”. Aseguran os populares que con estas contas se o BNG vota en Madrid a favor dos orzamentos, está “vendendo” ós monfortinos.
O PP lembroulle a socialistas e nacionalistas que para que as obras se faga o primeiro que ten que pasar é que estén presupostadas.
Os populares criticaron tanto a falta de previsión orzamentaria para o 2009 como a baixísima execución do que estaba presupostado para o 2008. Na súa opinión, nos orzamentos non aparece un só dato positivo, posto que infraestructuras tan importantes como a A-76 ou a autovía A-72 Monforte-Chantada aparecen con partidas irrisorias (255.000 euros e 50.000 euros respectivamente).
Ó seu entender, estes datos fan pensar que o Goberno central non ten vontade de facer a autovía Monforte-Chantada e a A-76 tardará unha década en empezarse.
En materia ferroviaria, os populares calificaron os orzamentos de “burla” e sinalaron que “nos dous tramos das vías de AVE que nos conciernen só aparecen consignadas pequenas cuantías para estudios”.
No tramo Ourense-Lugo, que tiña dende o ano 2003 o estudio informativo rematado e estaba pendente da declaración de impacto ambiental, aparece presupostado con só 250.000 euros, “que nunha obra desta envergadura e como dicir NADA”.
Na línea Ponferrada-Monforte, engadiu Arias, “o que se consigna é irrisorio (80 mil euros) para estudios, cando dende o 2003 tiñan consignados os estudios informativos”.
Para os populares a situación aínda é máis preocupante si se atende ó grado de execución xa que, por exemplo, no AVE Lugo-Ourense nos últimos catro anos investiuse só o 20% do presupostado, co que queda claro, o seu xuízo, que con Zapatero non haberá AVE.
«Pero nen se vai facer nada nas liñas de AVE, nen se vai facer nada por mellora-lo ferrocarril convencional xa que o orzamentado neste apartado é totalmente irrelevante”, salientou..
Raquel Arias fixo referencia a outras obras prometidas, como a comisaría de Monforte, e manifestou que “nin sequera contan con partida algunha”. No mesmo caso atópase o regadío Val de Lemos que, segundo recalcou, “mentres a semana pasada se acaban de inaugurar as obras do regadío do Miño Pequeno e nos orzamentos se contemplan partidas para outros catro de Galicia, o noso conta con CERO euros”.
Tampouco aparece nada para as melloras no saneamento, que en opinión dos populares, é unha das graves deficiencias que nestes intres ten a capitalidade.
O PP resaltou tamén a desaparición da partida presupostada en anos anteriores para o remate da circunvalación do tramo da antiga estrada de Ourense e a N-120 que este ano nin sequera aparece contemplada. Fixeron fincapé ademais nas “inexistentes” inversións doutros ministerios como Cultura, que non prevé gasto algún en restauración de monumentos.
E polo que respecta ás obras de mellora do abastecemento de auga, que terá un custo de 3,5 millóns de euros, a partida deste ano é de tan só 226.000 euros, é dicir, o 6% do total da obra.
A estes datos, calificados polo Partido Popular como “tremendamente negativos” polo que respecta as previsións para o 2009, engaden “a incapacidade que está demostrando o goberno socialista para invertir o que teñen presupostado. Así, no 2007 só se executou o 49% do presuposto aprobado para a provincia de Lugo”.
A deputada nacional e alcaldesa de Sober afirmou que para o “Partido Popular con estes datos é imposible aprobar os orzamentos e pediulle ó Bloque que, si de verdade quere loitar polo ben de Galicia e da zona Sur de Lugo, tampouco os aprobe”.
Arias, como xa tiña anunciado na campaña electoral, ofreceu a súa colaboración coas outras forzas políticas para, “entre todos conseguir que as necesidades da comarca se cubran”. “É o que tódolos días nos está pedindo a xente, tal como quedou patente tamén na reunión que recentemente mantivemos con representantes da CEL, e face-lo doutra maneira sería enganar ós veciños”, engadiu.