Santiago, 6 de outubro de 2008.- O Grupo Popular presentará, no Debate sobre o Estado da Autonomía que se inicia este martes no Parlamento galego, máis dunha vintena de propostas de resolución referidas expresamente ás comarcas de Chantada e A Ulloa coa intención de que sexan aprobadas pola Cámara para instar á Xunta a superar as carencias e retrasos que acumulan diferentes proxectos pendentes neses territorios.
A deputada popular Susana López Abella considera inaceptable o abandono no que Xunta e Goberno central manteñen sumidas a estas comarcas. O feito de que os Presupostos Xerais do Estado de 2009 non consignen partidas económicas para unha soa obra nova e que, xa no último trimestre deste ano, a Xunta manteña sen executar máis do 60% dos cartos previstos para obras na comarca constitúe, en opinión da deputada popular, unha evidencia do deixadez das Administracións Públicas.
SANIDADE.- A constatación desa deixadez levou a López Abella a elaborar as propostas de resolución específicas para comarca e nas que, como primeiras medidas, propón habilitar os medios necesarios para reducir as listas de espera que rexistra o Centro de Saúde de Chantada, así como persoal de reforzo para o PAC da Comarca, ata equiparalos, como mínimo, coa media doutros centros de características similares.
MÁIS SERVIZOS PARA PARA COMBATER A CRISE.- Simultaneamente, Susana López Abella plantexa incluír como obra necesaria da Xunta os enlaces axeitados do polígono empresarial de Chantada ca futura Autovía Lugo-Ourense, desbloquear a ampliación do polígono incluíndo a execución dunha EDAR específica, ampliar a súa superficie, mellorar as comunicacións viarias do mesmo, garantir un incremento da capacidade de abastecemento de auga e asegurar a conexión desta superficie empresarial coa canalizacións de gas e fibra óptica.
A xuízo da deputada popular, nun contexto de crecente crise económica, a Administración está especialmente obrigada a crear as condicións óptimas para a implantación de empresas e unha desas vías consiste en dotar de solo empresarial abundante e a prezos competitivos.
En canto ás comunicacións por estrada, as propostas de resolución do Grupo Popular reclaman a activación inmediata dos proxectos de construción das autovías Chantada-Monforte-Ponferrada e Lugo-Ourense, para o que a Xunta deberá instar o Goberno da nación a que se cumpran os prazos establecidos tanto no Congreso e no Senado como no Parlamento de Galicia. Para López Abella, estas vías de comunicación son vitais para o desenvolvemento das comarcas do Interior. “Só unhas boas comunicacións garantirán que sexamos atractivos para novos proxectos empresariais, do contrario estamos abocados a un declive demográfico imparable”, asegura a deputada.
Outras demandas plantexadas polo PPdeG consisten na construción de novas vivendas sociais en Chantada, unha nova EDAR, así como o desbloqueo da construción do Edificio Multiusos de Chantada, paralizado dende 2005.
Simultaneamente, Susana López Abella entende necesario un pronunciamento da Cámara autonómica para instar á Xunta a que, aínda que se sexa a escasos meses das Eleccións, o Executivo autonómico reaccione e corrixa a marxinación na que mantén sumida á comarca, apoiando e poñendo en marcha as propostas de resolución formuladas polo Grupo Popular.
A deputada popular tamén solicitará copia, a través do Parlamento de Galicia, dos sucesivos proxectos e informes ambientais relacionados coa ampliación do Polígono Industrial dos Acivros, de Chantada.