Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG NÉGANSE A MELLORAR A ATENCIÓN AOS ENFERMOS TRATADOS CON SINTROM NOS CENTROS DE SAÚDE

Santiago, 2 de outubro de 2008.- Os deputados socialistas e nacionalistas da Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia volveron rexeitar hoxe unha proposta do Grupo Popular para estender a tódolos centros de saúde de Galicia a utilización de coagulómetros portátiles, con punción capilar, para o control dos enfermos sometidos a tratamento anticoagulante. A proposta foi defendida esta mañá polo deputado popular Dámaso López Rodríguez, que se defendeu a viabilidade técnica e económica da proposta, que segundo estimacións do PPdeG, podería beneficiar directamente aos arredor de 50.000 pacientes galegos tratado con Sintrom, un fármaco antocoagulante moi eficaz para evitar a formación de trombos sanguíneos, pero que precisa dun estricto control  periódico. 

O aparato portátil para a medición da coagulación é similar aos que utilizan os diabéticos para controlar a súa glucemia e, cunha única gota de sangue, permite determinar, nun minuto, o valor de INR (Índice Internacional Normalizado) a  partir do cal se axusta a dose do antocoagulante que debe inxerir cada paciente. VANTAXES.- A utilización do coagulómetro portátil evita as extraccións venosas ás que deben someterse periodicamente os enfermos –cada 4 ou 6 semanas, como media, cando o enfermo xa está estabilizado-; evita que os enfermos teñan que agardar varias horas nos hospitais e centros de saúde desde que se efectúa a extracción ata que chega o resultado da analítica e a pauta do tratamento; e aforraría custos ao sistema sanitario, tanto en persoal, como en hospitalizacións derivadas de complicacións do tratamento anticoagulante.

DESINTERESE DO BIPARTITO.- Malia as vantaxes que ofrece a utilización deste aparato, PSOE e BNG votaron en contra da medida con argumentos escasamente cribles. Ata tal punto foi así, que a deputada nacionalistas que fixou a posición do BNG tratou de defender as bondades da extracción venosa practicada polo persoal de enfermería, obviando que o coagulómetro portátil só precisa unha pinga de sangue extraída nun dedo. 

 

 

Na súa intervención, Dámaso López deixou en evidencia o desinterese do Goberno bipartito por mellorar a atención aos pacientes sometidos a tratamento anticoagulante. Recordou que cando era delegado da Consellería de Sanidade en Lugo, nun só ano, a Xunta descentralizou o control do Sintrom en 65 centros de saúde da provincia, mentres que nos tres anos de Goberno bipartito aínda non foron capaces de completar esa descentralización nos tres que quedaron pendentes. 

No conxunto de España, o número de pacientes anticoagulados supera os 600.000, xa que este tratamento está indicado en situacións diversas: portadores de próteses de válvulas cardíacas, enfermos con arritmias, embolias pulmonares ou tromboses venosas que, na maior parte dos casos, deben medicarse de por vida. 

A eficacia do tratamento depende de que os niveis de anticoagulación (INR) sexan os adecuados, pero estes poden variar por causas diversas como enfermidades,  alimentación, variacións climáticas ou situacións de estrés. Un exceso de anticoagulante pode provocar cadros hemorráxicos, mentres que un nivel baixo de medicación resta eficacia e incrementa o risco se padecer episodios tromboemólicos. 

A día de hoxe, xa existen estudos clínicos que acreditan a eficacia do autocontrol caseiro da coagulación, logrando unha redución de complicacións como embolias e, incluso, un descenso da mortalidade.