Partido Popular de Lugo

SANIDADE EXCLÚE AOS VECIÑOS DE MONFORTE E DA COMARCA DA COMISIÓN DE PARTICIPACION CIDADÁ DA ÁREA SANITARIA DE LEMOS

Monforte, 30 de setembro de 2008.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia Dámaso López Rodríguez critica que a consellería de Sanidade da Xunta excluíu aos colectivos veciñais do Monforte e da súa comarca da comisión de participación cidadá da área sanitaria de Lemos. Malia que a normativa autonómica establece expresamente que os representantes dos veciños nas comisións de participación cidadá deben ser asociacións con ámbito de actuación na súa área sanitaria, a Xunta ignorou expresamente esa obriga. En opinión do deputado popular, “isto supón un capítulo máis da larga lista de despropósitos que caracteriza a xestión do Goberno galego en relación co sistema público de saúde na nosa comarca”. 

López Rodríguez entende como unha “burla a os veciños” que todos os membros da comisión de participación sanitaria de Monforte pertenzan a asociacións veciñais radicadas na capital provincial, na cidade de Lugo e, ningún deles, a colectivos radicados nesta zona, ignorando así colectivos sociais dos concellos da comarca de Terra de Lemos e de Quiroga, de Chantada e Carballedo, que son os que integran a área sanitaria de Monforte.

 

NINGÚN OFRECEMENTO A ASOCIACIÓNS MONFORTINAS.- Segundo do PPdeG, o Servizo Galego de Saúde limitouse unicamente a ofrecer á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo a posibilidade de nomear aos representantes na comisión de participación da área sanitaria de Monforte de Lemos, baseándose nun dato erróneo, por entender que esta organización aglutina a totalidade dos colectivos cidadáns da provincia. Esta decisión de Sanidade provocou que só veciños da cidade de Lugo fosen chamados polo SERGAS para defender os intereses dos usuarios do servizo de saúde monfortino.

Dámaso López engade: “Con tódolos nomeados, representantes das asociacións de Lugo, total e absoluto respecto, pois coñézoos ben e sei da súa valía de cando era delegado en Lugo, pero entendo que son as asociacións pertencentes ás Terras de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil, Caurel, Chantada e Carballedo as que deben formar parte desa comisión de participación sanitaria, pois son as que verdadeiramente coñecen as problemáticas sanitarias na nosa zona, ¿ou é que tiñan medo de que lles estean encima co peche das axendas?, ou ¿que lles esixan a apertura da UCI que se aprobou por unanimidade neste Parlamento para entrar en funcionamento no mes de xuño?, ou ¿que lles denuncien as longuísimas listas de espera?”.

INICIATIVA PARLAMENTARIA.- A reacción do PPdeG non se fixo esperar e no día de hoxe rexistrou unha iniciativa a través da que reclamará que os máximos responsables do departamento que dirixe a socialista Maria José Rubio Vidal ofrezan no Parlamento galego as explicacións oportunas respecto desta situación. Xunto a iso, os populares demandan que Sanidade corrixa de inmediato esta “grave anomalía” outorgando a representación debida aos veciños de Monforte neste órgano chamado a controlar e propoñer posibles solucións aos problemas da sanidade comarcal.

Dámaso López Rodríguez esixe “datas concretas e compromisos firmes para reverter esta situación” e empraza ao Goberno galego a revisar estes feitos pois “ou ben o SERGAS está a incumprir a normativa vixente, ou ben a normativa vixente permite que se produzan estas anomalías que precisan dunha urxente corrección”. En todo caso, “estes feitos din moito da pouca estima que os señores do PSOE e do BNG ofrecen a este tipo de comisións de participación cidadá e do pouco interese que amosa o seu futuro presidente, o director xerente do Hospital de Monforte, por outorgar a representación debida aos veciños da súa área, usuarios potenciais dos centros de saúde e do hospital e bos coñecedores dos problemas que teñen cada un deles”.