Partido Popular de Lugo

JAIME CASTIÑEIRA: “NON HAI RÍO GALEGO QUE RESISTA A XESTIÓN FLUVICIDA DO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE”

Santiago, 30 de setembro de 2008.- “Tres anos despois do cambio de Goberno, semella que xa non queda río galego que resista a xestión fluvicida do conselleiro de Medio Ambiente”, que neste tempo acumula innumerables incidentes contaminantes nos cursos fluviais da Comunidade, sen que a Xunta adoptase medida algunha para reducir o seu impacto. 

É a relexión do portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, ao responder a unha comparecencia parlamentaria do conselleiro do ramo sobre o exceso de acidez que rexistra o río Eume despois de que a Xunta fixese caso omiso da declaración de impacto ambiental do proxecto da autovía Ferrol-Vilalba (AGF-64), que xa advertía dos riscos derivados dun movemento de terras que alterou substancialmente a trama fluvial da comarca. O deputado popular apuntou que cando o actual conselleiro asumiu as competencias hidráulicas sobre a Galicia dos mil ríos, recibiu dos seus antecesores un sistema fluvial nun razoable estado de saúde e con auga de boa calidade. Sen embargo, a pasividade amosada polo actual conselleiro de Medio Ambiente condenou a Galicia a padecer unha longa sucesión de episodios contaminantes en multitude de ríos, desde os restos dos incendios que foron arrastrados ata os ríos, ata os problemas rexistrados desde o Umia ao Eume, pasado polo Ulla, Miño, Sil, Xallas, Barcés, Lengüelle, Lérez, Alvedosa, Catasol, Lagares, Cabrón, Gaiteiro, Sar, Bispo, Asneiro, Tamuxe ou Gallo, entre outros. 

VERTIDOS DO SOGAMA.- Jaime Castiñeira subiu á tribuna de oradores do Hemiciclo cunha mostra de auga contaminada extraída nun dos puntos de vertido contaminante de Sogama, concretamente o do vertedoiro da Areosa, que vai parar ao río Lengüelle, afluente do Tambre. A Planta de Sogama de Morzós tamén saltou á actualidade estes días, xa que os seus lixiviados chegan ao Rego da Iña, afluente do río Barcés, que abastece ao encoro de Cecebre. 

 

Para o PPdeG, o aspecto do vertido deixa en evidencia o desinterese da Consellería de Medio Ambiente pola calidade da auga dos ríos galegos, na medida en que é a propia Xunta a responsable directa dos vertidos contaminantes, sen adoptar medida algunha para subsanar tal situación.

NIN PLAN DE CONTINXENCIAS, NIN INVENTARIO DE INDUSTRIAS.- Jaime Castiñeira recordou que unha das primeiras medidas que adoptou o actual Goberno bipartito consistiu en derrogar o decreto  de decembro de 2003, sobre vertidos terra-mar, que establecía a obrigatoriedade de elaborar un plan básico de continxencias para cada empresas susceptible de provocar vertidos. De ter existido tal  plan de continxencias o recente incendio en diferentes naves industriais do polígono do O Gorxal, en Vigo, non tería provocado un impacto ambiental tan elevado.

O propio conselleiro de Medio Ambiente comprometeuse, despois do incendio da factoría química de Brenntag, sucedido hai dous anos, que provocou un desastre ambiental no Umia, a realizar un inventario de todas as industrias contaminantes ou perigosas situadas en lugares próximos ás bacías fluviais para evitar que un problema similar se volvese rexistrar no futuro. Tal inventario continúa sen realizarse e os desastres ambientais seguíronse producindo mestres a Xunta olla cara outro lado, segundo enfatizou o deputado popular.    

De feito, un estudo elaborado polo PPdeG conclúe que o conselleiro Manuel Vázquez só executou o 20% das medidas anunciadas tralo desastre ambiental do Umia.

CONTAMINACIÓN NO ENCORO DE CALDAS.- Neste sentido, o deputado popular instou ao conselleiro de Medio Ambiente a admitir que a causa real do exceso de algas e da contaminación bacteriana que se rexistra no encoro de Caldas ten a súa orixe nunha xestión incorrecta do incendio de Brenntag. Ademais, os populares galegos esixen á Consellería que extreme os controis sobre o encoro para evitar calquera risco sanitario, na medida en que abastece de auga a toda a comarca do Salnés.

Desde o desestre de Brenntag véñense rexistrando notables proliferacións do xénero Microcystis –unha cianobacteria unicelular- no encoro da Baxe. Este xerme pode producir unha toxina denominada microcistiona, a toxicidade da cal se manifesta en diferente grao segundo a súa concentración na auga e o tempo de exposición á mesma. Os síntomas poden oscilar entre leves irritacións cutáneas ata problemas gastrointestinais e problemas hepáticos.

Se ben a captación de auga para abastecemento se efectúa nun punto diferente ao que rexistra a maior concentración contaminante, o PPdeG esixe un seguimento rigoroso da situación do encoro e transparencia plena sobre os resultados das analíticas que se efectúen. 

A xuízo de Jaime Castiñeira, o sucedido no encoro de Caldas –a día de hoxe, Medio Ambiente continúa sen activar alerta algunha- evidencia, unha vez máis, o funcionamento deficiente da rede de inspección ambiental da Xunta.