Santiago, 29 de setembro de 2008.- A deputada popular e vicesecretaria xeral do PPdeG, Susana López Abella, rexistrará mañá no Parlamento unha batería de iniciativas nas que reclama un cambio de actitude da Xunta respecto á situación de abandono na que mantén sumida á comarca de Chantada e aos concellos limítrofes e que, como efecto inmediato, implicará que a emprega Hijos de J. Rivera abandone un proxecto empresarial que tiña previsto implantar no polígono industrial da localidade. Nas iniciativas, que López Abella agarda sexan apoiadas por PSOE e BNG como expresión da súa implicación real cos problemas de Chantada, o PPdeG insta á Xunta a implantar canto antes verdadeiras medidas de reequilibrio territorial para apoiar o asentamento de poboación nas comarcas interiores de Galicia.
ACTUACIÓNS INELUDIBLES. – Como exemplo, López Abella plantexa como ineludible a inmediata execución das autovías Chantada-Monforte-Ponferrada, e Lugo-Ourense, así como uns accesos axeitados ao polígono empresarial dos Acivros e a súa ampliación.
Simultaneamente, a deputada popular insta ao presidente da Xunta a tomar cartas no asunto para que axilice os trámites necesarios para ampliar o polígono empresarial dos Acivros e evitar que situacións como a xerada estes días poda volver repetirse no futuro. A tamén vicesecretaria xeral do PPdeG insiste en que sen unhas axeitadas comunicacións viarias e infraestruturas empresariais resulta imposible desenvolver medidas que contribúan a asentar poboación no medio rural e nas comarcas do interior de Galicia. López Abella súmase ás demandas da plataforma social constituída para reclamar unha maior atención á comarca,e agrega que o retraso que acumula a ampliación do polígono industrial dos Acrivos deberá ser obxecto das correspondentes explicacións en sede parlamentaria, debido ás serias consecuencias que tal demora terá sobre toda a área sur da provincia de Lugo.