Partido Popular de Lugo

DECEPCIÓN NO PPdeG POLA NEGATIVA DOS SOCIOS DA XUNTA A INTENSIFICAR A VIXILANCIA E LOITA CONTRA O FURTIVISMO NAS RÍAS GALEGAS

24 de setembro de 2008.- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, amosa a súa “fonda decepción persoal e política” pola negativa dos grupos socialista e do BNG a apoiar unha proposición non de lei coa que o PPdeG pretendía instar á Xunta a reforzar o labor de vixilancia e inspección do Servizo de Gardacostas, repoñendo as patrullas conxuntas coa participación de axentes da Policía Autónoma, co obxectivo de frear a crecente actividade dos furtivos na maior parte das rías galegas.

Para o PPdeG, a negativa dos socios do bipartito a reforzar a vixilancia e inspección pesqueira nas rías galegas sitúa á Conselleira de Pesca e aos seus socios parlamentarios do  PSOE e BNG “ao carón dos furtivos, en lugar de aliñarse cos pescadores e mariscadores que cumpren a lei”, como debería suceder.

ACTITUDE EN ENTREDITO

Balseiro Orol cuestiona que a negativa dos socios da Xunta a poñer coto ao furtivismo se producise a escasas datas da operación levada a cabo pola Garda Civil e que se saldou cos desmantelamento dunha rede ilegal que comercializaba vieiras con toxina. “A responsabilidade e a exemplaridade que debe supoñérselle a calquera institución pública quedou en entredito na votación celebrada na noite de onte no Parlamento de Galicia; mal andamos se o Parlamento non é capaz de lanzar unha mensaxe contundente a favor do respecto da lei e da preservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros”, agrega o deputado popular.

O PPdeG leva tempo reclamando un cambio de actitude da Consellería de Pesca, que desde outubro de 2006 mantén amarrados a porto e practicamente inoperativas o 90% das embarcacións do servizo de Gardacostas, que ten asignado a vixilancia e inspección pesqueira na Comunidade Autónoma. Como consecuencia desa deixación de funcións, a actividade do furtivismo multiplicouse na maior parte das rías galegas, como se evidencia nas de Ferrol, O Burgo, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra ou Baiona.

Para superar  esta situación, o PPdeG reclama que a Consellería de Pesca volva poñer en servizo as patrullas conxuntas do servizo de Gardacostas e de axentes da Policía Autonómica que deixou sen efecto pouco despois do cambio de Goberno. E reclaman tamén a presenza permanente de embarcacións de vixilancia, as 24 horas do día, nas áreas que rexistran maior actividade dos furtivos.  De feito, voces autorizadas do sector coinciden co PPdeG en que de ter estado operativas as patrullas marítimas, o caso das vieiras tóxicas non se tería producido.