Partido Popular de Lugo

O PPdeG TENDE A MAN Á XUNTA PARA CONSENSUAR UN PACTO CO QUE COMBATER O FRACASO ESCOLAR E RECUPERAR A DIGNIDADE DA FUNCIÓN DOCENTE

Santiago, 24 de setembro de 2008.- O Grupo Popular convidou hoxe á Xunta a abandonar a súa política baseada na propaganda a cambio de consensuar un pacto, discutido cos diferentes actores da comunidade educativa, para afrontar o crecente fracaso escolar que se rexistra en Galicia e recuperar a dignidade e o recoñecemento  social do persoal docente. A proposta foi efectuada hoxe pola voceira de Educación dos populares galegos, Manuela López Besteiro, no decurso dunha interpelación dirixida á conselleira do ramo, días despois de iniciarse o curso non universitario.

O feito de que o fracaso escolar aumentase un 1,2% tan só no primeiro curso xestionado polo Goberno bipartito, relegando a Galicia do 5º ao 6º posto no conxunto das Comunidades Autónomas, constitúe, en opinión de López Besteiro,  un serio toque de atención ao departamento que dirixe Sánchez Piñón.

Para inverter esa tendencia, o PPdeG entende preciso promulgar un decreto que determine os dereitos e deberes de alumnos e profesores, nun intento de recuperar a disciplina nas aulas e estimular o esforzo dos estudantes. Simultaneamente, os populares galegos avogan por un estatuto docente que permita dignificar e recoñecer socialmente o labor dos profesores galegos, que actualmente se sitúan como os peor pagados do Estado, despois dos aragoneses.      

IMPULSAR A EXCELENCIA EDUCATIVA.- O terceiro piar do pacto educativo do PPdeG pretende incrementar a excelencia educativa, poñendo coto á situación actual, na que os alumnos poden pasar de curso, e mesmo acadar o título de graduado en educación secundaria obrigatoria a pesar de acumular varios suspensos en materias troncais como matemáticas ou lingua, que resultan esenciais para o seu desenvolvemento como persoas, pero tamén de cara á futura inserción no mercado laboral.

O pacto educativo do PPdeG completaríase coa xeneralización do ensino do inglés desde a educación infantil, dadas as carencias actuais. Como exemplo, a deputada popular desvelou que na Coruña tan só tres centros públicos ofrecen algunha materia en inglés debido á falta de profesores, que imparten esas clases de xeito voluntario. O feito de que a Xunta non teña sido capaz de aprobar o decreto que fixa o plan de estudios de educación infantil, polas serias diferenzas que separan a PSOE e BNG neste ámbito, impide asignar mestres co cometido específico de impartir materias en inglés.

As carencias non son exclusivas da educación infantil. López Besteiro cifrou en máis de 60 o número de colexios que iniciaron o novo curso escolar en Galicia con algún tipo de irregularidades, desde falta de profesores ata desaxustes horarios por ter que compartir transporte escolar, pasando pola imposibilidade de atender a demanda de prazas de comedor escolar.

A deputada popular recordou que un recente informe elaborado pola Universidade de Santiago revela o descontento xeneralizado provocado polo sistema de préstamo libros de texto entre os diferentes profesionais que interveñen neste proceso, desde o persoal docente aos editores, pasando polas librerías. Conclúen que o  máis axeitado sería implantar un sistema de cheque-libro que outorgase a propiedade do material aos alumnos, en lugar do préstamo actual.

Reprochou tamén a deputada que a Consellería de Educación teña “tirado” os 100 millóns das antigas pesetas que abonou a unha empresa madrileña que desenvolve labores de intermediación entre os colexios e as librerías no programa de préstamo de libros de texto xa que, na práctica, triplicou os trámites burocráticos que deben realizar os centros educativos. Engadiu que o suposto cheque a Xunta entrega ás familias para adquirir os libros é un “talón propagandístico” que conduce á picaresca, xa que hai pais que se están vendo obrigadas a aboar do seu peto parte do valor dos libros que supostamente son de balde.  

¿GARANTE A XUNTA A NEUTRALIDADE DOS LIBROS?.- Sobre a implantación da controvertida materia educación para a cidadanía, López Besteiro insistiu á conselleira a respectar a liberdade de  conciencia dos pais que solicitaron a obxección, máxime cando no conxunto do Estado se teñen producido xa máis de un centenar de fallos xudiciais que, na súa maioría, recoñecen ese dereito. A deputada popular preguntou á conselleira se está en disposición de garantir a neutralidade dos contidos de todos os textos correspondentes a esa asignatura.