Chantada, 23 de setembro de 2008.- A vicesecretaria xeral do PPdeG e deputada autonómica Susana López Abella, acusou hoxe a PSOE e BNG de ser os responsables “únicos e directos” de que a empresa Sidrería Gallega renuncie ao proxecto de ampliación que tiña previsto acometer en Chantada debido á falta de solo, como consecuencia do retraso que acumula a ampliación do polígono industrial de Os Acivros.
López Abella compareceu esta tarde en rolda de prensa acompañada dos integrantes do grupo municipal do PPdeG en Chantada para reclamar unha reacción inmediata do Goberno local e da Xunta para tratar de reconducir a situación, que se saldará coa perda de máis dunha vintena de postos de traballo directos na localidade, pero tamén con serios prexuízos para os máis de 3.000 produtores de mazá sidreira de toda a comarca da Ribeira Sacra.
Ademais, a empresa tiña intención de construír en Chantada un centro de innovación bioclimático para o desenvolvemento de novas bebidas cun investimento de 15 millóns de euros e a creación dun considerable número de postos de traballo directos e indirectos, que agora tamén se perderán.
A sucesión de retrasos que acumula a ampliación do polígono industrial de Os Acivros, en Chantada, constitúe, en opinión de López Abella, unha mostra evidente da “absoluta inoperancia” das coalicións de Goberno entre socialistas e nacionalistas, como acontece no Concello de Chantada, pero tamén Xunta de Galicia. “Nun contexto de profunda crise económica, en lugar de apoiar a implantación de empresas e poñer á súa disposición o solo industrial necesario, PSOE e BNG dedícanse a velar polos seus propios intereses persoais”, agrega a deputada popular.
López Abella preguntou por qué razón o alcalde e o tenente de alcalde de Chantada non fixeron os deberes que lle encomendou o Pleno do Concello o pasado 26 de xullo para reclamar da Xunta unha axilización dos trámites administrativos pendentes para ampliar o polígono. “Como deputada –agregou- esixirei unha explicación á consellerías de Política Territorial e de Medio Ambiente no Parlamento ante a lentitude na tramitación dun expediente vital para o desenvolvemento do proxecto do parque empresarial», adiantando que «non queremos pensar que poda haber algún interese oculto por parte das consellerías socialistas para prexudicar a Chantada».
INMORALIDADE DO BNG.- Para López Abella, a actitude que está a manter o BNG en relación coa decisión de Sidrería Gallega roza a inmoralidade, na medida en que pretenden “estar na misa e repicando” para tratar de autoexculparse. Ao seu xuízo, BNG e PSOE son responsable do sucedido a partes iguais, porque ambas formacións comparten responsabilidades de Goberno en Chantada e en Santiago. De feito, as competencias en materia de solo empresarial corresponden, na Xunta de Galicia, á Consellería de Vivenda, dirixida pola nacionalista Teresa Táboas.
DOBRE DISCURSO DO PSOE.- Paralelamente, Susana López Abella chama a atención sobre o dobre discurso dos socialistas galegos, que non teñen reparo en defender as bondades dun inexistente plan de reequilibrio territorial, mentres a ausencia de xestión provoca o efecto contrario: o desequilibrio territorial, privando aos concellos do interior de servizos e equipamentos que contribúan a fixar poboación.