Santiago, 23 de setembro de 2008.- Para o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ningunha das promesas do Goberno de Touriño e Quintana ao respecto da acuicultura se cumpriron: nin consenso, nin proxecto respectuoso co medio ambiente ni garantía de ordenación e correcto desenvolvemento dunha actividade con moito futuro. En vez diso, segundo Balseiro, “nunca antes un mapa acuícola contou con tanta oposición social e empresarial, nunca provocou tanto rexeitamento por parte dos ecoloxistas, o que pon de relevo a demagoxia medioambiental deste goberno, e nunca un plan acuícola propuxo proxectos, como estes, técnica e economicamente inviables”.
Para o PPdeG é necesario compatibilizar a expansión ordenada do sector acuícola en Galicia coa axeitada protección do medio ambiente e cunha defensa escrupulosa dos hábitats protexidos. Por eso Balseiro considerou o Plan da Xunta como “un gran fraude” xa que empregaron falsas escusas medioambientais para paralizar o desenvolvemento do sector “e agora son os primeiros en situar plantas en 50.000 metros cadrados de Rede Natura”.Así o están a facer, indicou Balseiro, en Cabo Vilán, Bico de Rán (Cambados), en Carnota coa planta de Lira ou en San Felipe (Ferrol).
Así mesmo preguntou a Conselleira de Pesca baixo que argumento medioambiental poden tamén xustificarse o que teñen previsto facer en Laxe, Brava, Merexo, Camello, Seiruga ou A Xandriña.
GALICIA PODE DEIXAR DE SER POTENCIA ACUÍCOLA.- O voceiro popular recriminou a Conselleira de Pesca que podería ser a protagonista histórica por ser autora dun proxecto que contribuirá a que Galicia deixe de ser potencia mundial no sector acuícola. “Protagonista da expulsión, fora do noso país, da iniciativa empresarial mais ambiciosa e de condenar a todo un sector por non estar á altura da súa responsabilidade”.
Así resaltou a pouca seguridade que ofrece a Consellería a aqueles proxectos dispostos a xerar riqueza e postos de traballo pero que ven como a a piscifactoría que proxectaban converteuse nun propósito técnica e economicamente inviable.
O DESPROPÓSITO ACUÍCOLA DEBE REMATAR.- Para o voceiro popular a Xunta “debe volver ao sentido común, aos proxectos de consenso a escoitar os galegos e o despropósito acuícola do Goberno de Touriño debe rematar”. Así indicou que o Plan nace convertido nun fracaso e continuará a ser un fracaso xa que todos unanimemente están en contra dun proxecto que expande inseguridade e desconfianza.
Balseiro rematou a súa intervención preguntando á Conselleira polo que vai facer para evitar que os retranqueos das piscifactorías cara a interior convertan en inviables os proxectos. Tamén se referiu aos 30 millóns de euros en fondos europeos que se teñen perdidos polos tres anos de parálise no sector e cómo vai a convencer aos ecoloxistas de que o plan respecta escrupulosamente o medio natural.
“Con este plan perdemos todos, os ecoloxistas falan dun mapa acuícola sen garantías ambientais con grave risco para diversas especies, os empresarios falan de reclamacións por danos e prexuízos, e de que o peto de todos dos galegos deberán asumir indemnizacións millonarias en favor das empresas enganadas e os veciños falan de expropiacións sen ningún tipo de fundamento” indicou Balseiro.