Partido Popular de Lugo

A XUNTA TARDA TRES ANOS EN ELABORAR UNHA LEI DE RESIDUOS QUE COPIA A DE MADRID E NON RECOLLE AS PECULIARIDADES DE GALICIA

Santiago, 23 de setembro de 2008.- A Xunta tardou máis de tres anos en enviar ao Parlamento o proxecto de lei de residuos e, cando o fixo, o PPdeG descubriu, con sorpresa, que a norma copia literalmente a aprobada pola Comunidade de Madrid. “¿Para que quere Galicia un conselleiro de Medio Ambiente se este se dedica a copiar aos demais?”, preguntou o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira.

O plaxio chegou a tal punto que a lei enviada pola Xunta ao Parlamento non recolle ningunha das peculiaridades ambientais de Galicia, como a existencia dunha longa fachada marítima, polo que tampouco contempla situacións derivadas desa realidade, como a xerada pola chegada, a pasada fin de semana ao Porto de Marín, dunha balea enganchada a un barco, os frecuentes varamentos de cetáceos na costa, as acumulacións de argazos nas praias ou o os restos forestais xerados polos tratamentos silvícolas ou polos incendios forestais.

Castiñeira Broz apuntou que a lei debatida hoxe é unha mostra máis das constante contradicións nas que incorren socialistas e nacionalistas. Así, mentres que PSOE e BNG pasaron anos demomizando o modelo de Sogama implantado no seu día polo PPdeG, agora, o Goberno bipartito outórgalle carta de natureza para convertelo no eixe central da súa política de residuos.

SÓ FUNCIONA SOGAMA.- O Acordo de Goberno PSOE-BNG sinalaba que Sogama tiña que ser unha incineradora de término: avogaban por acabar con Sogama e buscar alternativas á incineración. A día de hoxe, o único que funciona é o modelo de Sogama baseado nas tres R -redución, reciclaxe e reutilización- pero sen velar polo cumprimento deses principios, agregou Castiñeira Broz.

Para o voceiro de Medio Ambiente dos populares galegos, a  redución é  unha quimera co bipartito, porque non fixo ningunha campaña e a produción de RSU aumentou en máis de 150.000 toneladas  (máis dun 15%) nos últimos tres anos.

LEXISLATURA PERDIDA.- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular apuntou que pese aos reiterados anuncios de posta en marcha dun novo plan de residuos sólidos urbanos, cando só restan algúns meses para o remate da actual lexislatura, tal documento continúa sen entrar en vigor. En ausencia dun plan e dunha lei específica, o PPdeG conclúe que Galicia perderá catro anos sen facer nada e sen modelo, mentres a produción de RSU aumenta de xeito incesante.   

O modelo que propugnada o PSOE, o de Nostián, na Coruña, non funciona, xa que están enterrando o lixo desa cidade e de toda a área metropolitana no vertedoiro da Areosa, en Cerceda.    

Así, en Cerceda estanse enterrando actualmente arredor do 50% dos residuos totais que se producen en Galicia. Cada ano prodúcense na Comunidade máis de 1,2 millóns de toneladas, das que máis de 1 millón de toneladas van parar a Sogama. A metade (500.000 toneladas), entérranse nun vertedoiro sen ningún tipo de tratamento.

Mentres tanto, a práctica totalidade dos cidadáns de Galicia pagan un canon ou unhas tarifas en concepto de tratamento de RSU, a pesar de que tal proceso non se está a efectuar.