Partido Popular de Lugo

O PPdeG REFRESA A MEMORIA DE QUINTANA E RECÓRDALLE QUE O BIPARTITO HERDOU DO GOBERNO ANTERIOR 86 GARDERÍAS EN FASE DE EXECUCIÓN E/OU EQUIPAMENTO

Santiago, 19 de setembro de 2008.- Fronte aos discurso trunfalista e desmemoriado  de Anxo Quintana, a voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, Susana López Abella, aclara que o anterior Goberno do PPdeG deixou en fase de execución e/ou equipamento un total de 86 garderías infantís en toda Galicia. “Anxo Quintana leva meses paseándose por Galicia para inaugurar escolas infantís que deixou en marcha o Partido Popular, feito que o desautoriza cando da a entender que antes da súa chegada á Xunta sí existía a nada”, asevera a tamén vicesecretaria xeral do PPdeG.

López Abella considera que os máis de 3.000 nenos galegos que este ano quedaron sen praza nas garderías públicas bota por terra o discurso triunfalista e fachendoso de Quintana e pon de manifesto as dificultades do Goberno bipartito para desenvolver unha auténtica política de igualdade: a Xunta non ten cartos nin capacidade para atender aos dependentes galegos, pero tampouco é quen de ofrecer prazas abondo nas garderías públicas.

MÁIS LISTA DE ESPERA CA NUNCA.- Nunca antes, asegura a deputada popular, quedaran sen atender tantas peticións para a escolarización de nenos de entre cero e tres anos. O sistema de cheque asistencial implantado polo PPdeG garantía a existencia de prazas abondo, xa que complementaba as prazas en centros públicos e privados, sen que iso supuxera sobrecuste algún para as familias, a diferenza do que ocorre agora.

Susana López Abella apunta que a gardería inaugurada hoxe por Quintana na Laracha é unha das 22 que o PPdeG deixara en marcha na provincia da Coruña cando se produciu o cambio de Goberno, e así o demostra o convenio asinado no seu momento entre a Xunta de Galicia e ese municipio, no que se fixaba o investimento plurianual necesario para executar as obras.

TOURIÑO E QUINTANA, CONTRAPROGRAMACIÓN PERMANENTE.- A sucesión de visitas a centros escolares e de inauguración de garderías públicas que está a protagonizar Anxo Quintana nos últimos días enmárcase na estratexia de contraprogramación da actividade de Touriño, que esta mesma semana celebrou o inicio do curso escolar nun colexio público.

Un e outro –Touriño e Quintana- pasaron de criticar e demonizar os actos inaugurais e as visitas institucionais, a percorrer Galicia de punta a punta equipados con cinta e tixeira, engade Lopez Abella.