Partido Popular de Lugo

O GPPP PREGUNTA A BESTEIRO POR QUE NON PRESENTOU NIN UNHA SOA PROPOSTA Á XUNTA PARA NEGOCIAR OS TRASPASOS DE ESTRADAS

Lugo, 18 de setembro de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular pediu  hoxe explicacións ao presidente da Deputación de porqué  non  presentou á Xunta de Galicia nin unha soa proposta  sobre a transferencia de estradas da rede viaria provincial ao goberno autonómico. Os populares fixeron esta denuncia logo de analizar a documentación que obra en poder do GPPP, e que foi solicitada, por escrito, a raíz dunha reunión mantida, o pasado catorce de xullo, entre a conselleira de Política Territorial e os presidentes das catro deputacións.

O voceiro adxunto do GPPP,  José María González Barcia, puntualizou que se confirmaban as súas sospeitas  “Gómez Besteiro non participou nesta reunión porque non se molestou en preparar nin unha soa proposta alternativa. Pese a que hai un ano o bigoberno anunciou a “bombo e platillo” que ían transferir as estradas da Deputación á Xunta , cando chega á hora de negociar son incapaces de presentar  “nin un só dato de producción propia”.

Nin un só dato de colleita propia.-

José María González Barcia afirmou que o expediente que se lles facilitou consta de catro folios: un é un plano da provincia delimitando os tramos de estrada que se van transferir entre a Xunta e a Deputación. E os outros tres son dous listados, un de estradas a transferir da Deputación á Xunta, e o outro son as estradas que transfire a Xunta á Deputación ou a concellos. Chama a atención que no expediente non apareza ningún outro documento, o que demostra que, “desde hai un ano, o bigoberno da Deputación non fixo nada, non elaborou nin un só mapa, non hai nin tan siquera unha breve memoria xustificando a transferencia de estradas da Deputación á Xunta”.

Pero o máis sorprendente, segundo os populares, é que posteriormente a esa reunión o presidente da deputación dixo que a proposta da Xunta era cáseque inaceptable. Á vista de que esta operación era negativa para a provincia  o Grupo Provincial do PP solicitou a documentación deste expediente.

Unha carga de 71 quilómetros máis.-

Segundo os datos do Plano Director de Estradas de Galicia, a Deputación transfírelle á Xunta un total de 141’640 quilómetros  de estradas, mentres que a Xunta transfírelle, a súa vez, á Deputación 212’92 quilómetros, co que o saldo para a Deputación é negativo en 71’300 quilómetros.

Os populares lamentan que, unha vez máis, Besteiro se tome “á lixeira” un tema que afecta de xeito directo aos concellos da provincia. Por falta de traballo do Presidente, a Deputación asumirá o mantemento de máis quilómentros de estradas. “¿Qué se pode esperar duns responsables políticos que son incapaces de defender  os seus propios razonamentos” se preguntou Barcia en alusión ás declaracións de responsables da Deputación nas que dicían que non se podía soster unha rede viaria provincial de máis de catro mil quilómetros, e insistían en que a carga da Deputación, en canto á rede viaria provincial, era excesiva. “Se lle facemos caso á Xunta, ainda o será máis porque o bigoberno da Deputación de Lugo parece que non  póra resistencia algunha”.

José María González Barcia lembrou que a Xunta tamén pretende transferir 38’420 quilómetros de estradas aos concellos, entre eles a Rábade, Outeiro de Rei, Lugo, Vilalba, Mondoñedo, Foz, Abadín, Chantada, Viveiro, Becerreá, Sarria, Monforte e A Fonsagrada.

Os populares rexeitan esta operación e avanzaron que non apoiarán esta transferencia, e máis que estarán atentos ás propostas que poidan facer desde a Deputación. O voceiro adxunto do Grupo Provincial tamén informou que se trasladará aos alcaldes e voceiros dos concellos afectados, a proposta da Xunta incluida no Plano Director de Estradas para que valoren e si estiman oportuno formulen propostas alternativas.