Santiago, 17 de setembro de 2008.- Nos recentes debates celebrados no Parlamento en relación co Plan Acuícola do Goberno bipartito, o BNG apoiou sistematicamente ao PSOE en defensa dese documento. A aclaración parte do portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, despois de que o deputado nacionalista Bieito Lobeira cuestionase onte na Costa da Morte a ubicación dos parques acuícolas previstos para aquela comarca. Bieito Lobeira volveu incorrer onte nas súas xa habituais contradicións, ao afirmar unha cousa nos debates parlamentarios e argumentar o contrario na rúa. De feito, na interperlación promovida polo PPdeG que se debateu no Pleno da pasada semana, Bieito Lobeira pechou filas coa conselleira socialista, á que onte volveu atacar publicamente.
O BNG NEGOUSE A PEDIR A SUPRESIÓN.- Ademais, o PPdeG recorda que tanto Bieiro Lobeira como os demais deputados nacionalistas votaron en contra dunha proposición de lei, debatida o pasado 5 de maio para instar á Xunta a retirar do Plan Acuícola a planta de acuicultura prevista en Seiruga. BNG e PSOE rexeitaron, unha por unha, as demais iniciativas nas que o PPdeG pedía a supresión dos restantes parques acuícolas cuestionados.
Con todo, Balseiro agrega que o BNG terá ocasión de mudar de postura no Pleno do Parlamento previsto para a próxima semana e no que o PPdeG defenderá unha moción para instar á Xunta a retirar do Plan de Acuicultura as catro plantas que teñen suscitado o maior rexeitamento social e concentran un elevado volume de alegacións de particulares e colectivos.