Partido Popular de Lugo

A XUNTA ADMITE QUE NON TEN PREVISTO CREAR UN SEGUNDO XULGADO EN CHANTADA NIN ENVIAR UN XUIZ DE REFORZO

Santiago, 17 de setembro de 2008.- A Xunta de Galicia ven de admitir, na resposta escrita a unha pregunta parlamentaria formulada pola deputada popular Susana López Abella, que non contempla previsión algunha de dotar a Chantada dun segundo xulgado de primeira instancia e instrución,  pero que tampouco vai enviar un xuíz de reforzo para apoiar ao actual.

Coa decisión de dar carpetazo á posible creación dun segundo xulgado en Chantada –capital do partido xudicial do mesmo nome e do que tamén forman parte os concellos de Antas de Ulla, Carballedo, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada-, a Xunta está ningunear a solicitude unánime formulada pola corporación municipal chantadina, co apoio de empresarios, avogados e outros colectivos da comarca.

NOVA CONTRADICIÓN DA XUNTA.- Para López Abella, consúmase tamén unha contradición máis das numerosas nas que incorre o bipartito cada semana. A Xunta négase agora a crear un segundo xulgado en Chantada e adianta que non vai enviar un xuíz, de reforzo malia que o actual secretario xeral da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura, admitiu, nunha visita efectuada a Chantada en febreiro de 2006 (daquela era director xeral de Xustiza) que o xulgado da localidade acumulaba unha notable carga de traballo que facía preciso, como primeira medida, enviar un xuíz de reforzo.

Os intentos da Xunta por negar a saturación do actual xulgado de Chantada, argumentando que a súa carga de traballo se sitúa por debaixo do módulo máximo recomendado polo Consello Xeral do Poder Xudicial choca coa realidade que padecen a cotío os cidadáns da comarca que buscan o amparo xudicial.

Para a deputada popular, que a Xunta negue a saturación do xulgado e se fachendee de que, entre outras medidas, xa instalou pasamáns de aceiro inoxidable, como se iso xustificase a nova negativa, constitúe un insulto para o conxunto da comarca.