Santiago, 15 de setembro de 2008.- A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, recoñeceu hoxe no Parlamento que os comedores escolares galegos incluíron peixe panga nos seus menús no pasado curso e admitiu tamén que a Consellería de Educación non habilitou dispositivo algún para controlar a salubridade dese produto.
Pérez Mariño efectuou esas declaracións esta mañá na Comisión de Pesca do Parlamento, ao responder a unha pregunta do voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro. O deputado popular instou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa a que explicase se a Xunta efectuou algún control nos colexios para coñecer en qué comedores se serviu peixe panga; qué medidas adoptou a Xunta para evitar que se repita ese consumo e qué controis se van implantar para garantir que o peixe que se oferte nos comedores escolares está libre de axentes patóxenos.
Sen embargo, a directa xeral respondeu con evasivas e evitou facilitar a relación de colexios galegos nos que se serviu peixe panga nos seus comedores. Tampouco foi capaz de concretar a posta en marcha dun dispositivo de control sanitario dos alimentos que se inclúan nos menús escolares. Limitouse a afirmar que estes alimentos están sometidos aos mesmos controis que calquera outro produto que chega á cadea de distribució comercial.
O peixe panga, unha especie de acuicultura de baixa calidade nutritiva, cultívase no contaminado río Mekong, en Vietnam, e saltou á actualidade no pasado mes de xullo despois de que o Instituto de Investigacións Mariñas alertase sobre a presenza de contaminantes no delta no que se produce. Posteriormente, o laboratorio de referencia de Anfaco-Cecopesca confirmou a presenza de patóxenos –listeria e cólera- en diferentes lotes comercializados en Galicia.
O propio presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, alertara xa daquela que este peixe se ofertaba nos menús escolares malia as dúbidas sanitarias que suscitaba. Por iso, o Grupo Popular activou unha batería de iniciativas parlamentarias para forzar ás conselleiras de Pesca, de Sanidade e de Educación para que expliquen as actuacións levadas a cabo polo seus respectivos departamentos.
En países como Estados Unidos ou Xapón está prohibida a importación de panga procedente de China e Vietnam despois de constatar a presenza de diferentes elementos contaminantes e o uso de antibióticos nos autorizados na produción deste peixe.
Fronte a esa dilixencia, Balseiro Orol acusou á Xunta de ter actuado con “neglixencia, dada a evidente laxitude na realización dos controis sanitarios aos que debe ser sometido o peixe importado”.