Partido Popular de Lugo

O PPdeG FELICITA Á GARDA CIVIL POLA OPERACION CONTRA O FURTIVISMO E APUNTA QUE O MARISQUEO ILEGAL OBEDECE Á PARÁLISE DO SERVIZO DE INSPECCIÓN PESQUEIRA DA XUNTA

Santiago, 13 de setembro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, felicitou hoxe á Garda Civil pola recente operación contra o furtivismo e a comercialización ilícita de vieiras con toxina, e apuntou que a proliferación destas actividade é unha consecuencia directa da parálise na que está sumido o Servizo de Inspección Pesqueira da Xunta de Galicia.

Nunha rolda de prensa ofrecida na sede do Parlamento de Galicia, o deputado popular anunciou que interpelará á conselleira de Pesca por considerar que ela é a responsable política directa do sucedido, na medida en que a ausencia de actividade inspectora se traduce nun incremento do furtivismo que, en ocasións, como aconteceu na Ría de Ferrol, campan ás súas anchas. De feito, os profesionais que se dedican ao marisqueo respectando as normas en vigor teñen advertido que a captura de vieiras con toxina na Ría de Ferrol non se tería producido se existise un servizo de vixilancia eficaz, dotado cos medios axeitados.

SEN VIXILANCIA DESDE 2006

Sen embargo, a realidade demostra que o Servizo de Gardacostas da Xunta –do que dependen os medios humanos e materiais de inspección e vixilancia pesqueira-  está practicamente desmantelado desde comezos da actual lexislatura e proba diso é que o 90% das súas embarcacións están amarradas a posto desde outubro de 2006.

No pasado, e para evitar situacións como a que ven de saír á luz a raíz da operación contra a comercialización de vieira con toxinas, os responsables da Consellería de Pesca gobernada daquela polo PPdeG tiñan habilitados dispositivos de protección dos recursos que incluían a incorporación de embarcacións de vixilancia nas rías durante as 24 horas do día e ao longo de varios meses. Balseiro Orol instou á Consellería de Pesca a que poña en marcha unha estratexia similar e que destine os medios humanos e materiais necesarios aos lugares nos que está a repuntar a actividade marisqueira ilícita.

 

 

CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE

Balseiro Orol fixo un chamamento ao conxunto da sociedade, desde os consumidores domésticos ata o sector da hostalería, para que rexeiten calquera produto procedente da extracción furtiva, na medida en que esas prácticas non só vulneran a normativa, senón que entrañan serios riscos para a saúde das persoas que inxiran marisco procedente de canais ilícitos.

 

Recordou tamén o deputado que fronte á “inacción o “silencio clamoroso” do Goberno bipartito, o anterior Executivo do PPdeG promoveu a realización de numerosas campañas de concienciación social contra o furtivismo para alertar á poboación e aos profesionais da hostalería dos riscos –mortais, en ocasións- derivados do consumo do marisco procedente do furtivismo. De xeito simultáneo a esas campañas, tamén entón, a Xunta mantívose inflexible, con vixilancia constante, inspeccións continúas e sancións elevadas para disuadir aos infractores.

 

“Desgraciadamente, nada disto se ten feito nos tres anos de Goberno bipartito e, por iso, as consecuencias afloran agora con toda a súa intensidade, pero tamén co risco engadido de provocar graves danos á imaxe de calidade conseguida polo marisco e a hostalería galega despois de anos de esforzo”, agregou Balseiro.

 

O voceiro de Pesca dos populares galegos lamentou tamén a pasividade amosada pola Consellería do ramo, que tardou en saír en defensa do sector que se dedica á extracción de viera de maneira legal, a pesar de que no seu día recibira incluso os eloxios da Comisión Europea pola eficacia e o rigor dos seus plans de explotación.