Partido Popular de Lugo

O GPPP DEMANDA Á DEPUTACIÓN QUE SE IMPLIQUE NO APOIO Ó COMERCIO DA PROVINCIA

Lugo, a 12 de setembro de 2008.- O Grupo Provincial Popular presentou hoxe unha moción na que insta á Deputación a establecer un Plan de axudas ó comercio da provincia de Lugo. 

O PP propón tamén que a institución provincial solicite ó Goberno da Xunta de Galicia a elaboración e aplicación inmediata dun Plan de choque que permita combater os efectos da crise económica no comercio galego en xeral e no lucense en particular

Esta acción de choque, segundo se recolle na proposta dos populares, incluiría o establecemento de medidas económicas, a través do IGAPE e de SODIGA, nas que se oferten productos financieiros específicos de axuda ó comercio; a posta en marcha dun Plan de equipamentos comerciais, así como a mellora da formación profesional, a través da implantación de titulacións académicas novas ou actividades de formación específicas para o sector, e o establecemento de liñas de apoio que fomenten o asociacionismo. 

O GPPP salienta que ningún sector productivo da nosa provincia é alleo ós efectos da crise económica e que o comercio é moi sensible á perda do poder adquisitivo dos consumidores. Faise eco asimesmo das estimacións realizadas polo propios afectados que alertan de que un dez por cento dos aproximadamente 6.000 comercios existentes poderían pechar as súas portas como consecuencia da drástica rebaixa das vendas.