Lugo, 11 de setembro de 2008.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a facilitar aos gandeiros a súa labor dadas as trabas impostas polo retorno do certificado veterinario. Na Proposición non de Lei o PPdeG solicita que a rede pública de veterinarios se concentren nos matadoiros e que procedan a expedición de oficio das autorizacións de aptitude para o sacrificio no mesmo momento que o animal entre nestes.
O voceiro de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro, acompañado polos deputados Angel Bernardo Tahoces, José Manuel Balseiro e Agustín Baamonde criticou hoxe en rolda de prensa a implantación do certificado veterinario, aínda que a acata por tratarse dunha resolución xudicial, “xa que non ten ningún tipo de repercusión no eido da seguridade alimentaria e novamente trátase de impor ao sector gandeiro trabas burocráticas e custes adicionais inadmisibles”.
O deputado popular Angel Bernardo Tahoces criticou a ineficacia deste certificado, “proba evidente é que en ningún país da Unión Europea móvese o gando con este certificado”, e puxo como exemplo que téñense dado casos de existir gando con este certificado de aptitude para o sacrificio e realizada a inspección ante-mortem polos veterinarios de saúde pública se determinaba que o animal non era apto para o sacrifico.
Os deputados populares tamén criticaron o aumento de custe que representa para os gandeiros, que xa están a sufrir unha grave crise con consecuencias moi negativas para as explotacións galegas. Esto se produce xa que a rede pública de veterinarios establecidos a tal efecto ten un determinado horario de traballo e si se produce algunha transacción comercial fóra dese horario, e moi especialmente as fins de semana, os animais non poderán ser sacrificados ao día seguinte ou os luns, agás que se contrate un veterinario clínico pola conta do gandeiro.
Bernardo Tahoces tamén criticou que “se tan necesario é o certificado non é entendible que os animais procedentes de Portugal que chegan aos matadoiros galegos para o seu sacrificio non se lles esixa este certificado veterinario de aptitude para o sacrificio”.
Por todo elo os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento da iniciativa que pretende mitigar os efectos negativos que está a ter sobre o sector a implantación de novo do certificado.