Mondoñedo, 11 setembro de 2008.- Os populares de Mondoñedo e o Grupo Provincial do Partido Popular aseguraron hoxe en Mondoñedo que constataron a existencia dunha clara insensibilidade e insolidariedade na Deputación Provincial de Lugo porque non se está a actuar en cuestións que afectan directamente a minusválidos ou persoas maiores coma é a accesibilidade.
A voceira popular en Mondoñedo, Elena Candia, e o voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, afirmaron que os concellos de Mondoñedo e Lourenzá levan prácticamente ano e medio agardando a que se instalen nas súas casas consistoriais senllos ascensores. Unhas actuacións que, segundo suliñaron, foron adxudicadas polo anterior equipo de Goberno na Deputación Provincial.
Elena Candia explicou que, dende a toma de posesión de Goméz Besteiro, houbo persoas nos dous concellos traballando para que esta obra se realizara sen conseguir ningún resultado. “En Mondoñedo non o logramos nin cun alcalde do Bloque nin cun tenente de alcalde do PSOE, o que deixa ben ás claras que estes dous partidos, cando falan de accesibilidade, o que fan é retratar a súa hipocresía, porque non fan nada”, indicou.
González Barcia, Yanes Ginzo e Leal Arias salientaron que para esta obra había unha subvención do INSERSO, e que tamén había aportacións dos concellos e da Deputación. Pero tamén lembraron que a da Deputación era pequena, “unha migalla dentro do que son os presupostos provinciais”. Concretamente, a obra fora adxudicada en setembro de 2006 á empresa Norvial por un importe de 119.478’42€, dos que o INSERSO aportaba algo máis do cincuenta por cento (61.953’50€); a Deputación, 8.046’00€, e cada un dos dous concellos 23.164’21€. A obra xa conta coas preceptivas licencias municipais e está pendente do correspondente replanteo da dirección de obra e a expensas da aceptación por parte de presidencia dun reformado do proxecto, presentado o verán pasado, por importe de 40.000 euros.
Candia, Ginzo, Leal e Barcia lembraron que esta obra estaba incluida dentro dun plano de mellora da accesibilildade a edificios públicos levado a cabo polo anterior equipo da Deputación, o que demostra o grao de compromiso do Partido Popular neste ámbito, en colaboración coa administración do Estado e cos concellos.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación, González Barcia, adiantou que este asunto será levado ó pleno da Deputación por parte do GPPP porque “queremos que se diga públicamente en qué estado se atopa a tramitación desta obra e qué se vai facer no futuro, se é que se vai facer algo, que o dubidamos”.
Os populares indicaron que non se pode entender como os socialistas e os nacionalistas falan de cousas coma a accesibilidade con discursos grandilocuentes e á hora da verdade non fagan nada nin sequera o que deixaron feito outros. Na súa opinión, o incumprimento deste compromiso é un exemplo máis da mínima preocupación que amosa o bigoberno que preside Gómez Besteiro polos cidadáns da provincia e a súa nula xestión.