Partido Popular de Lugo

O PPdeG SAÚDA QUE PSOE E BNG RECÚEN E RECOÑEZAN AS NOTABLES CARENCIAS DE GALICIA EN MATERIA DE XULGADOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Santiago, 8 de setembro de 2008.- O Grupo Parlamentario popular saúda que socialistas e nacionalistas muden o seu discurso triunfalistas e recoñezan, por fin, as notables carencias que padece Galicia no relacionado coa aplicación da lei integral contra a violencia de xénero.

Susana López Abella, voceira de Igualdade do Grupo Popular, entende que, coa actitude amosada nos últimos anos, os executivos central e autonómico practican a insurrección parlamentaria. Sinala, como exemplo, que segue sen materializarse o mandato contido nunha proposición non de lei, promovida polo Grupo Popular, e aprobada finalmente por unanimidade na Comisión de Xustiza e Interior do Parlamento o 10 de decembro de 2007, hai xa case un ano, para crear xulgados exclusivos de violencia de xénero en Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela e Pontevedra,  unha vez que Vigo e A Coruña xa foron dotadas, previamente, con este tipo de órganos xudiciais.

MEDIDA INSUFICIENTE E DISCRIMINATORIA.- A xuízo de López Abella, a recente previsión do Goberno central  de crear  só dous novos xulgados de violencia de xénero en Pontevedra e en Santiago –con ámbito comarcal, en lugar de estar circunscritos ao seu respectivo partido xudicial, como se contemplaba inicialmente- non só resulta insuficiente, senón que consolida a discriminación permanente á que o Executivo bipartito está a someter a Lugo, Ourense e Ferrol. “Unha vez máis o tan cacareado discurso do reequilibrio territorial fai auga por todas partes, xa que consuma unha nova aldraxe”, agrega a deputada popular.

Para o Grupo Popular, estes feitos acreditan que, un ano máis, Galicia rematará un novo exercicio coa lamentable marca de ser a comunidade peor parada, tanto na asignación de órganos xudiciais, como de medios humanos e materiais para aplicar a lei integral contra a violencia de xénero.

GALICIA, SEMPRE Á COLA.- Recorda López Abella que no ano 2007 se crearon, para o conxunto do Estado, 83 novos xulgados exclusivos de violencia de xénero, dos que a Galicia tan só lle foi asignado 1 (o da Coruña, xa que o de Vigo fora creado con anterioridade). A situación vólvese repetir en 2008, xa que fronte aos 5 novos xulgados específicos, considerados como imprescindibles, o Goberno responde creando tan só 2, co agravante de que o seu ámbito comarcal de actuación, lles restará operatividade. 

O PPdeG apunta, do mesmo xeito, que seguen sen incrementarse os medios humanos asignados ás unidades dos corpos e forzas de seguridade do Estado que actúan no ámbito da violencia de xénero en Galicia. Proba diso, é que nunha recente resposta escrita remitida pola Xunta a raíz dunha pregunta parlamentaria do Grupo Popular, se utilizan evasivas para evitar cuantificar o número efectivos asignados. O mesmo sucede cos dispositivos electrónicos, como os brazaletes con localizador GPS, utilizados para verificar o cumprimento das ordes de aloxamento: resultan insuficientes.

Con todo, López Abella insiste en que o PPdeG seguirá a promover iniciativas parlamentarias, tanto en Galicia como nas Cortes Xerais, para incrementar o número de órganos xudiciais e os medios humanos e materias necesarios para aplicar correctamente a lei integral contra a violencia de xénero.

PSOE E BNG LAVAN AS MANS.- A tamén vicesecretaria xeral do PPdeG considera lamentable a escenificación efectuada hoxe por socialistas e nacionalistas para tratar de desvincularse das carencias que Galicia presenta no referido á prevención e loita contra a violencia de xénero, na medida en que os dous partidos teñen responsabilidades directas sobre esta competencia no Executivo autonómico. Ademais, o PSOE Goberna en Madrid desde hai máis de catro anos, mentres que o BNG veu apoiando cos seus votos os Presupostos Xerais do Estado remitidos ás cortes polo Goberno de Zapatero.