Santiago, 8 de setembro de 2008.- Unha semana despois de que se publicase no Boletín Oficial do Estado a orde do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño pola que se declara a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia zona restrinxida para a vacinación obrigatoria preventiva contra a enfermidade da lingua azul, a Xunta continúa sen poñer en marcha o dispositivo sanitario e de información necesario. Esta situación de deixadez foi constatada este mediodía en Baralla (Lugo) por unha delegación de tres deputados autonómicos do PPdeG–Ángel Bernardo Tahoces, Isabel García Pacín e Agustín Baamonde- durante unha visita á Casa de Granadero, unha explotación de gando vacún de tamaño medio-alto, situada no lugar de Espiña, en Pacios.
Alí, os deputados populares confirmaron, cos titulares desta explotación e con outros gandeiros da comarca, que ningún veterinario oficial da Xunta de Galicia se ten desprazado aínda á granxa para iniciar o proceso de vacinación que xa se debería estar realizando e que os gandeiros aínda non foron informados das consecuencias das restricións ao movemento de gando vivo que será decretada en breve para todos os concellos situados nun radio de acción de 150 quilómetros que ten como centro a comarca asturiana de Grado, onde recentemente se detectou o último caso de lingua azul.
NIN SEQUERA FUNCIONA O TELÉFONO DE INFORMACIÓN.- Ademais, o teléfono supostamente habilitado pola Xunta de Galicia para informar aos gandeiros sobre aspectos relacionados con esta doenza tampouco funciona e limítase a ofrecer unha sintonía de música clásica cando algunha persoa trata de contactar.
Para superar a situación actual, Ángel Bernardo Tahoces anunciou a inmediata presentación dunha iniciativa parlamentaria, na Cámara galega, para instar á Xunta a articular unha campaña informativa e de sensibilización sobre os efectos e medidas derivadas da declaración de zona restrinxida.
As restricións ao movemento que se decretarán de xeito inminente aplicaranse obrigatoriamente a calquera cabeza de gando bovino, agás ás que teñan como destino o matadoiro e afectarán a todas as comarcas da provincia de Lugo, agás A Ulloa e Chantada. Unha vez decretada, só poderán superar esa limitación as reses que dispoñen dunha analítica que acredite que non son portadoras da enfermidade.
EVITAR PERDAS INNECESARIAS.- Para evitar inconvintes e perdas innecesarias aos gandeiros, o PPdeG propón tamén que os servizos veterinarios oficiais comecen xa a realizar, de oficio, analíticas a todos os animais vivos susceptibles de ser sometidos a un traslado en datas próximas. Evitaríase así, por exemplo, a inmobilización dos becerros que van ser vendidos a cebadeiros situados fóra de Galicia, xa que o feito de que continúen nas granxas máis tempo do desexado provoca traballo e gastos adicionais, como o derivado da súa alimentación.
A iniciativa parlamentaria presentada este mediodía polo PPdeG foi consensuada previamente con representantes da Asociación Galega de Empresarios de Gando (AGEGA).