Partido Popular de Lugo

Balseiro: «A MÍNIMA MOBILIZACIÓN ACADADA AMOSA QUE O BNG É UN PARTIDO RESIDUAL NA MARIÑA LUCENSE»

A Mariña, 6 de setembro de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro Orol, afirmou que o feito de que menos de cen persoas secundasen a concentración convocada polo BNG esixindo a apertura do dique norte de ALCOA vén a demostrar “que este é un partido residual na Mariña lucense, que xa perdeu toda a súa credibilidade ante un veciños que, de xeito maioritario, lles dan as costas”.

Balseiro Orol subliñou que a apertura do dique norte de ALCOA ao tráfico comercial xeral é un obxectivo “que todos os mariñáns apoian, conscientes dos beneficios que esta nova infraestrutura traería para a nosa comarca” pero “unha cousa e isto, e outra ben distinta sumarse á pancarta do BNG que, en relación con este asunto, ten amosado un comportamento contraditorio, enganoso e bipolar, xa que, por un lado hoxe piden a posta en marcha deste novo porto comercial e polo outro, tal e como acreditamos, e fai menos dun ano, votan en contra das iniciativas que o Partido Popular prestou tanto nas cortes xerais coma no Parlamento de Galicia facendo explícita esta reivindicación”.

O BNG “perdeu a súa capacidade de mobilización, porque os veciños xa non aturan este dobre comportamento que lles fai ser Goberno en Santiago e oposición na Mariña”. Balseiro Orol lamenta que o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, así como o deputado nacional deste partido Jorquera, “foran cómplices deste erróneo acto, que tan só buscaba facer propaganda”. Anima a ambos dirixentes a que “cada un desde as súas responsabilidades traballen, xunto co PP, para convencer ao Goberno socialista de Madrid da importancia de que o proxecto de apertura do dique norte de ALCOA dispoña dunha partida orzamentaria específica no 2009”. 

O BNG OBSTACULIZA AS INICIATIVAS DO PP.- Balseio Orol lembrou que o 8 de novembro de 2007 someteuse a votación de todos os deputados na Comisión de Orzamentos do Congreso unha emenda do Grupo Parlamentario Popular a través da que se reclamaba a inclusión nas contas estatais de 300.000 euros que serían destinados ao proxecto para a “apertura ao tráfico xeral do dique norte de Alcoa” e “actuacións para a súa adaptación ao tráfico comercial” (sic.). O Partido Popular quedouse só defendendo esta iniciativa xa que ningún Grupo Parlamentario, tampouco os deputados nacionalistas galegos, apoiaron a emenda.

Por outra banda, a petición do PPdeG que reclamaba a inclusión deste proxecto no Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia contou co apoio do BNG quen, no Parlamento de Galicia, o 16 de abril de 2008, uniu os seus votos cos do PSOE para impedir que prosperara a proposición non de lei dos populares.

APRENDER DOS ERROS.- Por todo iso, e para finalizar, o secretario xeral dos populares lucenses emprazou aos nacionalistas a “aprender dos erros do pasado” e a unirse ao PP e ao resto dos veciños da Mariña “que esixen dos seus políticos compromisos claros e inequívocos en favor daqueles proxectos, como o de apertura do dique norte de ALCOA, que tan só poden traer riqueza, maior emprego e outros múltiples beneficios á nosa comarca”.