Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR BRINDARÁ A PSOE E BNG A POSIBILIDADE DE POSICIONARSE, A FAVOR OU EN CONTRA DAS PLANTAS ACUÍCOLAS CUESTIONADAS, NUN PRÓXIMO PLENO DO PARLAMENTO

Santiago, 5 de setembro de 2008.- Logo do novo conflito interno desatado ante entre os socios da Xunta despois de que o nacionalista Bieito Lobeira expresase o rexeitamento da súa formación ao Plan Acuícola aprobado recentemente polo Consello da Xunta, o PPdeG ofrecerá a PSOE e BNG, nun vindeiro Pleno do Parlamento, a posibilidade de posicionarse, a favor ou en contra das plantas cuestionadas, dada a existencia de versións contraditorias sobre a postura das diferentes consellerías en relación con este asunto. 

O Grupo Popular forzará a votación dunha iniciativa para instar á Xunta a retirar do Plan Acuícola aprobado recentemente as piscifactorías que xeran un maior rexeitamento social: Merexo, A Laxe Brava, Seiruga e Xandriña. Será nese momento cando Bieito Lobeira e o Grupo do BNG do que forma parte deban elixir entre aliñarse cos veciños afectados ou pechar filas coa decisión da Xunta que tanto critican os nacionalistas fóra das paredes de San Caetano. 

TOURIÑO DEBE UNHA EXPLICACIÓN.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro,  esixe ao presidente da Xunta que aclare se as consellerías gobernadas polo BNG apoiaron ou non a aprobación do Plan Acuícola do bipartito que suscitou máis de 1.000 alegacións fronte ás tan só tres do documento elaborado polo anterior Executivo. 

Como alternativa para superar a situación actual, o PPdeG convida a Touriño a que, como xesto de boa vontade, suprima do novo plan, cuestionado dentro e fóra das filas do Goberno, as catro piscifactorías que provocan a maior contestación social.

XUNTA EN ESTADO DE HOSTILIDADE INTERNA PERMANENTE.- Balseiro Orol atribúe a tronada política desatada polas críticas de Lobeira á ausencia de autoridade de Pérez Touriño nun Executivo que dedica máis tempo ás pelexas internas que á xestión ordinaria. “Desde hai tres anos, semella que a Xunta está inmersa nun estado de hostilidades internas permanentes, o que explica que a xestión ordinaria quede relegada a un segundo plano mentres os problemas dos cidadáns se incrementan pola falta de decisión do Executivo”, asevera Balseiro.

O deputado recorda que nos últimos meses o Grupo Popular defendeu na Comisión de Pesca do Parlamento cadansúa proposición non de lei para instar á Xunta a retirar do Plan Acuícola os catro parques que suscitan maior rexeitamento social e nas catro ocasións o BNG, con Lobeira incluído na súa condición de voceiro de Pesca, aliñouse co PSOE e defendeu o mantemento desas piscifactorías. O mesmo sucedeu cando o PPdeG defendeu no Pleno do Parlamento outra iniciativa para que a Xunta retirase o Plan Acuícola aprobado recentemente.